Ir al contenido principal

Notas sobre toponimia



Estes días ten chegado as miñas máns unha obra recentemente editada “Toponima de Galicia” de Fernando Cabeza Quiles, pola editorial Galaxia na súa colección “Guías AZ”. Unha obra fermosa e altamente recomendable, que nos achega ás orixes de numerosos toponimos da nosa terra, un traballo rigoroso lonxe das etimoloxias, aínda en boga e que non fan senón rebuscar por orixes ignotas e imaxinarias, as raigames dos nomes dos lugares.

Dunha ollada selectiva da obra entresacamos unha serie de párrafos vencellados ao noso concello e que ofrecen interesantes aportacións para o coñecemento do noso territorio, da orixe de certos toponimos espallados pola xeografia tudense.

1.- “En canto ao hidrónimo Miño, o primeiro que resalta, ao tratar de coñecer a súa procedencia significativa e etimolóxica, é a súa posible relación coa voz latina “miniu(m)” , ‘minio, vermellón, óxido de chumbo de cor vermella’. Esta conxectura cadra coas primeiras teorías sobre o nome do Miño. Así, San Isidoro, nas súas célebres Etimoloxias, asegura que a voz minium, definidora da citada cor, entón moi abondosa en Galicia, deu nome ao río. Algo parecido atopamos en Xustino, cando escribe. “Regio cum aeris ac pumbi uberrima tuum et minii quod etiam vicino flimini nomem dedit” (Xustino, XLIV, 3, 4), ou, o que é o mesmo: “Rexión (Galicia) riquísima de cobre e chumbo e tamén de minio que mesmo lle deu nome ao rio veciño (O Miño)” (...) Outra posible base etimolóxica deste hirónimo é a indoeuropea *mi/*mei/*moi , proposta por Krahe que estaría presente no nome doutros ríos europeos, coma o polaco Minia, o alemán Main, afluente do Rhin; e o irlandés Maoin, así como na palabra do letón maina, ‘pantano’ (Moralejo, 1980, 167-168)” (p. 241.242).

2.- Volvendo aos toponimos vencellados con prantas ou cultivos está “Malvas de malvales, que debe facer referencia á pranta chamada malva.” (p. 426).

3.- Tamén están os topónimos Rebordáns, na Galicia occidental, e Rebordaos, preferentemente na central ou continental, que poderían facer referencia a arbores silvestres, se é que estes nomes de lugar reproducen o vocábulo galego rebordán igual a ‘árbores silvestre ou breva” (p. 537).

4.- “O topónimo Sobrado, para o que cómpre reconstruir un antigo superatu ou superato, ‘altura’, ‘que está sobre ou enriba’, aparace na documentación medieval con esa forma (...) Outros topónimos dos mesmo significado que Sobrado os de Sobrada, Sobradas, Sobradelo. (...) pero non debese confundir, dada a súa forma similar, cos de Sobredo, Sobreda, Sobrido, e algo menos cos de Sobral, Sobreiral e Sobroso, que son abundanciais, coas súas respectivas terminacións –edo, -eda, -ido, -al e –oso, da árbore chamada sobreira, presente nalgunhas partes abrigadas e temperás de Galicia, como poden ser determinados lugares costeiros e os vales dalgúns ríos, onde tamén se documentan os topónimos Sobreira (referido a unha sobreira soa), A Sobreira (seguramente máis moderno có anterior, pola presenza do artigo) e Sobreiras, provenientes do latín serodio *suberaria e este do latín clásico suber.” (pax. 583-585).

5.- “Segundo a profesora Elisa Ferreira, os topónimos Encuarte, Enguarde Engarde corresponderían a un termo relativamente recente do tempo dos coches de cabalos, oa ser un encuarte os cabalos de reforzo que se unían ao tiro principal antes de subir unha pendente particularmente forte. Referiríanse, xa que logo, os devanditos topónimos a lugares situados ao pé das costas, onde se efectuarían os “engardes” ou uniòn dos devanditos cabalos suplementarios (Ferreira, 1983: 31-32).

Ao anterior respecto, existe un lugar chamado Souto de Engarde, na parroquia de Caldelas, Tui (Pontevedra), onde se debía facer a anterior operación; emprazamento que debe estar, polo tanto, ao pé dunha forte costa ou pendenye pola cal discorrería un camiño real.” (pax. 590)

6.- O topónimo Anta, en singular, “o máis probable é que nos atopemos perante un topónimo arqueolóxico, que nos sinala a presenza dunha ‘anta’, denominación popular dos dolméns do período megalítico, sendo tamén posible que en ocasións os topónimos Antes e Antas, en plural, alundan a varias antas ou dolmens ou, simplemente, a varias pedras cavadas en forma de marco ou en forma de laxe plana.” (p. 43).

7.- Outro abundancial é topónimo Barrocal, Barroca ou Barrocas que ven da voz galega barroco, “que o dicionario de E. Rodríguez dá cos significados de ‘barrueco, berrueco, perla irregular’; voces castelás, as devanditas de barrueco e berrueco, de orixe prerromana que teñen o significado de penedo, gran rocha granñitica redondeada. A partir, xa que logo, da palabra galega, hoxe ausente nos dicionarios modernos, barroco=’penedo, rocha’, formaríase este topónimo abundancial, en alusión a unha agupación de grandes pedras” (p. 103-104).

8.- Outra tautoloxia ou repetición de pedra parace o topónimo Coto do Galo ou Cota de Galo, “que está composto polas palabras ‘coto’, na súa acepción do altura pedrosa, e ‘galo’, nome de moitos lugares que se caracterizas por seren moi pedrosos” (p. 222)

9.- Funchal, “para explicar este toponimo cómpre reconstruir a palabra do latín serodio *fenuculu, (e este de feniculu), ‘fiúncho’ ou ‘funcho’ (como di o portugués), en alusión a un terreo abundante en fiúnchos, nome galego máis frecuente do Foeniculum vulgare, planta herbácea e perenne, pertencente á familia das umbelíferas, tamén chamada vulgarmente ‘anís’ especialmente a súa semente, porque esta planta aromática e de sabor doce semellante ao do anís se usa para substituir este nos alcohois caseros.” (p. 294).

10.- Outro topónimo de procedencia xermánica, en canto procederen de antigos xenitivos rematados en –edi, de apelativos xermánicos de posesores ou propietarios terratenentes dunha vila ou gran posesión territorial, que non de posesores xermánicos necesariamente é Guillarei (p. 109-110).

Convido aos interesados a achegarse a esta interesante obra onde atoparan moita máis información sobre unha das meirandes riquezas que posuimos: a nosa toponimia. Difundir e conservar este legado (especialmente a microtoponimia, por exemplo, os nomes de fincas) é un importante reto para a nosa sociedade.


Comentarios

  1. Felicitacións pola creación deste blog!!! Noticias interesantes para todos, tanto tudense como persoas que tan só queren achegarse un pouco máis á nosa cidade.

    Un cordial saúdo e as miñas felicitacións de novo!!

    Samuel Diz
    www.samueldiz.com

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall