Ir al contenido principal

Encol da fundación de Tui por Diomedes de Etolia


Diomedes de Etolia (Glyptothek de Munich)

Hai algunhas datas un lector deste blogue solicitaba que abordasemos nestas liñas dous temas de interese para a historia tudense: a fundación mítica da cidade polo heroe grego Diomedes e a autoria de G. Eiffel da nosa ponte internacional. Dous temas certamente de trascendencia e onde funciona unha transmisión acrítica da nosa historia.
Abordaremos hoxe o tema da fundación grega da nosa cidade por Diomedes un heroe grego que xeralmente é admitido como fundador na nosa cidade, á que designou co nome do seu pai, o rei Tydeo. Conservamos na actualidade no rueiro tudense o “Cantón de Diomedes” ou a rúa “Tide” e o noso equipo de fútbol máis representativo leva o mesmo nome de Tyde. Pero cómpre non trabucarse, pois non por repetida ou reiterada unha afirmación é correcta ou corresponde coa realidade histórica. Pero tamén é certo que esta atribución fundacional está realizada nun contexto histórico concreto que debemos recoñecer para comprendela e valorala axeitadamente.
O coñecemento do pasado histórico, e máis do noso pasado máis remoto, ten dúas fontes básicas: a arqueoloxia e as fontes documentais. Da primeira carecemos de testemuñas materias que avalen a presenza grega na nosa bisbarra, mesmo en Galicia os achádegos atribuibles a esa cultura son moi escasos e parecen estar relacionados coas prácticas comerciais e nunca cunha presenza estable e moito menos permanente de gregos na nosa terra.
As fontes documentais que posuimos se reducen ás referencias que diversos autores romanos realizan desta pretendida orixe grega da nosa cidade. Será Pilnio (23-79 d.C.) na sua “Naturalis Historia” IV, 112 o primeiro que faga unha referencia: “A Cilenis conventus Bracaram Helleni, Grovi, castellum Tyde, Graecorum subilis omnia”. Será pois Plinio no século I da nosa era o primeiro que faga referencia a Tui como “descendente dos gregos”, xunto a outras localidades da nosa zona.
Pola mesma época Silio Itálico volta mencionar aos grovios ao referirse a Tui e de novo sinala a súa orixe grega: “Et quos nunc Gravios violato nomine Graium Oenae misere domus Aetolaque Tyde” (Punica III, 366-367) ou “... Aetola, vago Diomedi condita, Tyde” (Púnica, XVI, 368) cuxa tradución sería a “Aetola Tui, fundada polo errante Diomedes”.
Ambos os dous autores beben os seus relatos doutra referencia anterior, hoxe perdida, como é a obra de Asklepiades de Mirlea e Trogo Pompeio, que escriben no século I. A. C.
Como sinala Silvia González Soutelo no seu libro “O Tui antigo, unha aproximación histórica-arqueolóxica”: “As atribucións presentadas por Silo Itálico fan referencia á orixe mítica da cidade de Tui e á xenealoxia estabecida para o seu fundador. Deste xeito, aparecen os descendentes de Oeneo, o rei dos Aetolos, pai de Tydeo e avó do heroe Diomedes, personaxe ao que se lle atribúe a fundación da cidade tras o seu regreso da guerra de Troia e durante o exilio da súa patria”.
O historiador José Carlos Bermejo sinala “A historia das narracións máis ou menos fantásticas arredor das supostas viaxes e as hipotéticas fundacións de cidades gregas na área noroeste da Península Ibérica ten comezo na propia Antigüidade clásica.” Existía un proceso antigo, xa de época arcaica, “un movemento progresivo de localización de determinadas terras e personaxes mitolóxicos naqueles lugares que en cada momento eran considerados como o límite do mundo coñecido e civilizado”, asi a lenda da loita de Heracles contra Xerión localízase no noroeste peninsular.
Xa na época helenística iníciase o costume de ennobrecer a orixe das cidades bárbaras retrotraendo a súa fundación ao momento máis remoto posible que, en xeral, coincide cos héroes da épica contemporánea da guerra de Troia. Os “nostois”, ou narracións fabulosas do regreso as súas patrias respectivas dos participantes nas guerras troianas, ofrecen un amplo abano de recursos. Para fundamentar estas afirmacións os autores baseanse en dous elementos: as elucubracións etimolóxicas e a comparación dos costumes.
No caso tudense o recurso era doado e a asociación do topónimo de Tude cun dos herois da guerra de Troia ben coñecido como Diomedes, fillo do rei de Aetolia Tydeo, un dos protagonista dos “nostoi”, foi axiña empregado. A historiografia hai tempo que estableceu que estas lendas construidas a partir dos “nostoi” non se corresponden con ningún feito histórico. Tamén as pescudas dos historiadores e arqueólogos teñen establecido o límite máximo da colonización helénica no seu contacto con Tartessos, por conseguinte os contactos do antigos poboadores de Galicia cos gregos, de existir, foron esporádicos, posiblemente de caracter comercial, o que xustifica os moi escasos restos materiais da cultura grega atopados en Galicia. Na época medieval estas tradicións foron conservadas de xeito fragmentario, como foi o caso de San Isidoro de Sevilla, que no século VII recolle estas referencias ou posteriormente o Chronicon Iriense.
Coa chegada do Renacemento hai un cambio cultural e de mentalidades que leva a que as cidades deixen de procurar o seu prestixio e sona na posesión de reliquias nos seus templos e Catedrais sustuindoos pola figura dun fundador nobre, vencellado especialmente á historia grega ou romana. O valor destes antepasados míticos ou imaxinarios proporciona un elemento de prestixio desa comunidade. “Equiparando antigüidade con nobreza, as máis puxantes vilas de Galicia, tentarán contrarrestar o menosprecio que todo o galego estaba sofrindo á sazón no resto do reino, autoafirmando ás súas orixes facendoas derivar dos heroicos paladíns da Antigüidade clásica”, facendo asi á poboación galega anterior á do resto da Península, descendendo directamente dos patriarcas bíblicos ou dos herois gregos. Canto máis antigos, mais nobres, máis dignos, superiores. E para fundamentar estas afirmacións bótase mán dos textos dos autores gregos e latinos, que serán asumidos como autoridades indiscutibles. Actitude comprensible no nivel de coñecementos do século XVI pero fóra de lugar na actualidade onde lamentablemente aínda algunhas publicacións recurren ao valor de autoridade destes escritores clásicos como argumento incontestable para aceditar estas teorías.
No caso tudense serán autores como Bartolomé Sagrario de Molina (1550) que afirma sobre Tui:
“Passada esta ría con pueblos menores
vereys la ciudad y puerto cercano
hija del grande caudillo greciano
que Tuy la llamamos según los autores
con tino regida por doctos pastores”.
Ou posteriormente Ambrosio de Morales (1572) que será o primeiro autor en aceptar a inexistencia de restos gregos pero que acredita que “la fundaron los griegos a Tuyd”, baseándose na observación etnográfica de certos costumes, especialmente as loitas que se celebraban nalgunhas festas.
Para Tui é de grande importancia a obra do bispo Frei Prudencio de Sandoval (“Antigüedad de ls ciudad y Iglesia Cathedral de Tuy y de los obispos que se save aya avido en ella”, Braga 1610) pois vencella á tradición grega á presenza dos exipcios en Galicia: “Pensaron algunos que Tude era nombre hebreo o caldeo, pero con engaño, por que los hebreos nunca poblaron Galicia ni tampoco los Caldeos sino solo Griegos y Egipcios”. Na mesma liña continuan o P. Flórez na sua monumental “España Sagrada” (1759), Verea Aguiar, Taboada Leal ou Benito Vicetto que na súa “Historia de Galicia” (1865) afirma que “en Galicia hasta las piedras hablan de la colonización griega” amosando a superficialidade e imaxinación da súa obra. E nesa mesma liña aborda a fundación tudense F. Avila y Lacueva, o principal referente para a historia da nosa cidade, que dedica abondoso espazo a este tema analizando polo miudo certos costumes tudenses que establece como a previvencia da presenza grega nestas terras.

Posible representación de Tideo nun dos "Bronces de Riace"

Nos últimos anos do século XIX, segundo recolle Bermejo Barrera, “seguiron a elaborarse traballos arredor da suposta colonización grega de Galicia, traballos que foron publicados na revista “Galicia Diplomática”. Un dos seus autores A. Noya Picón (1883), conclue, por exemplo, retomando tódolos argumentos tradicionais, que Tui foi fundada polos gregos, pero non por Diomedes, xa que nin este heroe nin tódolos dos “nostoi”, nin a guerra de Troia existiron nunca. A cidade sería fundada polo tanto máis ben na época arcaica (...) pero nese mesmo ano e nesa mesma revista (o tudense) Joaquín Fernández de la Granja reafirma a historicidade desa fundación e da guerra troiana, baseando nunha serie de datos máis ou menos hipotéticos e aceptando as cronoloxias biblicas”
Ao longo do século XX a historia tudense, e tamén á referente ao noso pasado mais remoto, tense enriquecido con novas achegas: os estudos sobre as industrias paleolíticas de Álvarez Blázquez e Bouza Brey, o descubrimento do denominado “Casco celta” no río Miño á altura de Caldelas, as investigacións arqueolóxicas da Equipa Arqueolóxica do Baixo Miño ou as aportancións de Iglesias Alemida ou máis recentemente Perles Fontao ou González Soutelo. Tense clarexado de xeito notorio o noso coñecemento deste período. Pero aínda hoxe carecemos de testemuñas que avalen esa pretendida fundación grega que compre desbotar como unha verdade histórica.
Pero a fundación da nosa cidade por Diomedes de Etolia forma parte da nosa historia, esta lenda ou tradición que atopamos xa no seculo I d. C. e que continua vixente reflicte a antigüidade da ocupación humana do territorio tudense, que naquela altura do coñecemento histórico era referida aos gregos, reafirmando o prestixio desta poboación. Pois tanto Plinio como Silo Itálico, ou as fontes das que se nutren, comprobaron como o “castellum Tyde” era asentamento importante no seu entorno, de longa existencia... e a máis comprensible explicación, naquela altura do coñecemento histórico, era atribuir esta responsabilidade á unha anterior presenza grega, a civilización precendente da Romanización, dende a que escribian estes autores.
Así pois esta lenda da fundación grega de Tui forma parte da nosa propia historia como o xeito en que os historiadores tudenses e/ou galegos poideron explicar e tentar documentar a antigüidade e a relevancia da nosa cidade, de dotala de nobreza e relevancia, honrando con elo a todos os seus habitantes. Diomedes fundou Tui, Teucro Pontevedra, Amphiloco Ourense, Orestes Padron e para non ser menos o propio Noe chegou ata Noia.
Cando xa estas notas estaban rematadas chegou ás miñas máns o último número publicado de “Cuadernos de Estudios Gallegos” nº 121 (xaneiro-decembro 2008) onde figura un artigo de Leonard A. Curchin, da Universidade de Waterloo – Canadá, titulado “Los topónimos de la Galicia romana: nuevo estudio” e do que recolle textualmente o que escribe sobre a nosa cidade: “Tude / Tudae. Rechazando una derivación fantástica desde e héroe griego Tydides, podemos relacionar este nombre con el celta *teuta ‘pueblo, gente’, irlandés tuath, gales y bretón tud ‘gente, tierra’, antropónimo galo Teutomatus. Sin embargo G. R. Isaac sugiere una raíz celta *teud-, toud- (galés medio tud ‘cubre’, tuded ‘cubierta’); por tanto Tude podia ser lugar cubierto. En Lugdunense hay un topónimo diminutivo Tudella”.
De novo as investigacións de caracter científico chegan a conclusións que nos afastan desa pretendida historicidade da fundación grega de Tui e da orixe do se topónimo, sen que signifique desbotar da nosa memoria esta lenda sobre a nosa orixe que posue unha grande antigüidade e que testemuña o interese dos historiadores en pescudar sobre o Tui máis remoto para construir a nosa identidade colectiva.

Rafael Sánchez Bargiela

Comentarios

  1. Interesante e moi documentado artigo, noraboa!

    ResponderEliminar
  2. Moitísimas grazas por este artigo. Cando suxerín este tema non agardaba tal cantidade de información. Dá gusto ler un blog tan documentado.

    Parabés e os meus mellores desexos.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall