Ir al contenido principal

A infancia tudense de Francisco Sánchez


Entre as actividades celebradas en Tui, na primeira semana de setembro, arredor da "Xornada Europea da Cultura Xudía" impartin unha conferencia sobre a "biografia tudense" do médico e filósofo do Renacemento, onde tentaba clarexar a cronoloxia da infancia do "Escéptico" sobre todo logo da achega fundamental de Ernesto Iglesias Almeida que publicou o contrato do pai do noso personaxe como médico do Cabido tudense en 1568 e que trastoca case todas as afirmacións ata agora publicadas sobre a infancia de Sánchez.
A amiga Eva González solicitoume un resume da charla que foi editado este pasado sábado, 26 de setembro, no suplemento "Baixo Miño / Louriña" do "Faro de Vigo".
Con aquela conferencia, e con este artigo, pretendia únicamente clarexar un pouco a "biografia tudense" de Francisco Sánchez e contribuir a colocar a este egrexio pensador no privilexiado lugar que lle corresponde na historia da nosa cidade, divulgando a súa traxectoria e trascendencia para que os nosos veciños poidan coñecer e valorar a senlleira figura de Sánchez. Agardamos que asi vaia ocupando o lugar que, en xustiza, lle corresponde na vida tudense.

A INFANCIA TUDENSE DE FRANCISCO SÁNCHEZ

Ao abeiro da celebración na cidade de Tui das Xornadas Europeas da Cultura Xudía o Concello ten lembrado a figura do médico e filósofo tudense Francisco Sánchez, coma un dos referentes da memoria xudía na nosa localidade. Salientemos que Sánchez é un dos principais elementos da historia da filosofía do Renacemento europeo gracias, especialmente, a súa obra “Quod nihil scitur” (Que nada se sabe) na que abre camiños como precursor do pensamento moderno, xa da tradición empírica impulsada por Bacon ou xa da traxectoria racionalista deseñada por Descartes.
Pero curiosamente o tema que máis ten ocupado aos investigadores sanchecianos non é a súa obra, senón unha cuestión aparentemente menor como é o seu lugar de nacemento. En 1636, aos trece anos da morte de Sánchez, os seus fillos e o seu discípulo Delassus editan a súa “Opera médica e philosophica” onde este último o considera nado en “Bracara lusitanus urbs” (na cidade de Braga – Portugal). Dende aquela a maioría dos estudosos, agás algunha excepción, o consideran portugués, sendo asumido en Portugal como unhas das súas referencias nacionais en materia filosófica.
Nos primeiros anos do século XX un erudito francés H. P. Cazac descubre diversos escritos autógrafos de Francisco Sánchez nos arquivos da Universidade de Montepellier –onde doctorouse en Medicina en 1574- nos que se define como “hispanus diocesis bracarensis” e mesmo “Ego, Francisco Sanctius, hispanus, natus in civitate Tudensi”. A condición de tudense do noso pensador parecía irrefutable, tendo nacido en 1550 segundo os datos da súa partida de defunción.
Pero en 1920 o investigador portugués José de Sousa Machado atopa a inscrición de bautismo de Sánchez nos arquivos da parroquia de San Xoán do Souto, un arrabaldo de Braga, un 25 de xuño de 1551. O debate sobre a súa patria voltaba de novo á palestra con este achádego.
Finalmente no ano 1987 o historiador tudense Ernesto Iglesias Almeida achaba o contrato realizado, en 29 de abril de 1558, entre o Cabido catedralicio e o licenciado Antonio Sánchez, médico e pai do noso pensador. Un documento excepcional para a biografía de Sánchez que ata agora está escasamente recoñecido nas biografías sanchecianas.
Desta serie de datos documentais e fronte aos que seguen defendendo que Francisco Sánchez naceu accidentalmente en Tui ou que únicamente estivo poucos meses residindo nesta localidade, podemos establecer a seguinte hipótese:
- A familia Sánchez chega a Tui dende as terras de Aragón fuxindo da persecución que sufrían os xudeus e os cristiáns novos naquelas terras, pois Galicia era unha terra sen conflitos antisemitas, de dificil acceso e con fáciles saídas cara Portugal e o océano. En Tui nace o fillo do médico Antonio Sánchez, Francisco, en 1550.
- Ao ano seguinte é bautizado en Braga, pois posiblemente o pai procurase traballo naquela cidade e para gardar as apariencias sacramentaría ao neno, acto no que participan xentes da alta sociedade bracarense, os seus clientes.
- A presión antixudea en Portugal que esixe limpeza de sangre non só a militares, membros do clero ou da administración senón tamén a médicos e farmacéuticos, e a búsqueda de mellores traballos traen de novo a Antonio Sánchez a Tui, en torno a 1558, traballando daquela como médico do Cabido.
- E posiblemente dende Tui, cando en 1562 –a pouco do establecemento do Tribunal da Inquisición en Galicia- marchan cara Burdeos, cidade de acollida para moitos xudíos da Península, e tamén para membros da familia Sánchez, e onde Francisco Sánchez figura matriculado nese mesmo ano no College de Guyenne.
Deste xeito podemos afirmar que a infancia de Francisco Sánchez transcurriu na nosa cidade, e polas mesmas rúas que aínda hoxe conservamos medrou este rapazolo que andando os anos sería unha das figuras máis egrexias do pensamento do Renacemento europeo.

Rafael Sánchez Bargiela

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall