Ir al contenido principal

Hai 125 anos que finalizaron as obras da ponte internacional de Pelayo Mancebo

Publica hoxe "LaVoz de Galicia", alomenos nas edicóns de Vigo e Pontevedra un amplo traballo dedicado a conmemorar que o 10 de outubro de 1874 remataron as obras de construcción da ponte internacional de Tui. Con esta ocasión se publica unha columna de opinión sobre o autor deste emblemático punto de unión de tudenses e valencianos, que a voz popular atribuie a Gustave Eiffel, pero que en realidade é unha obra do enxeñeiro calagurritano Pelayo Mancebo e Agreda. Deste xeito damos conta dunha vella petición dun dos seguidores de "Tudensia"



UNHA PONTE DE PELAYO MANCEBO



A vella ponte internacional tudense, que hoxe lembramos ao cumprírense 125 anos da finalización das súas obras, é un dos símbolos máis recurridos de Galicia, sobre todo para referírmonos ás relacións transfronteirizas cos nosos veciños das terras portuguesas, ao longo de máis dun século esta ponte metálica ten sido a imaxe da comunicación entre dous pobos e entre duas culturas.
No rueiro de Tui lembramos únicamente a dous persoeiros da segunda metade do século XIX vencellados directamente a iniciativa da súa construcción. Pero curiosamente, non é ao seu autor senón a dous políticos da época: Lorenzo Cuenca San Juan (A Coruña 1800 – Tui, 1882), do partido moderado, primeiro deputado e logo senador dende 1864, e Ezequiel Ordoñez González (Ponteareas, 1845 – Madrid 1918), do partido conservador, auténtico cacique do período da Restauración no Baixo Miño, pois foi deputado polo distrito tudense dende 1879 ata 1903 continuando logo o seu fillo Mariano ata 1923.
Tanto Cuenca como Ordoñez pularon decisivamente en Madrid, xunto ao tamén tudense Florencio Rodríguez Bahamonde –presidente da comisión de obras públicas do Senado- pola chegada do ferrocarril á cidade tudense.
Esta ponte nace do proxecto de unión das liñas férreas de España e Portugal, creando unha comunicación entre Guillarei e Valença do Minho. Para a cidade de Tui, sumida nunha crise social e de identidade dende a perdida da capitalidade provincial en 1833 a chegada do ferrocarril abría novas e esperanzadoras expectativas. A ponte internacional xorde como unha necesidade de comunicación por vía férrea entre ambas ribeiras do Miño nun momento histórico en que o ferrocarril era un símbolo, case universal, de progreso e modernidade. Cando foi construída era amais unha esperanza de desenvolvemento para os pobos miñotos; pero unha esperanza truncada pois foi de sempre unha liña férrea escasamente transitada e que escasos recursos económicos aportou as nosas xentes.
Tras os correspondentes acordos internacionais será en 1879 cando se decida o seu emprazamento e no mesmo ano é redactado o proxecto de construcción desta ponte polo enxeñeiro Pelayo Mancebo e Agreda (Calahorra, 1845 – 1912), autor de numerosas obras de enxeñeria nas últimas décadas do século XIX. De Mancebo é, por exemplo, a ponte de San Clodio, sobre o río Sil no concello de Ribas de Sil, a de Castejón, en Navarra, o encoro da Estanca en Calahorra ou a ponte, en terras portuguesas, que comunicaba as localidades de Entre os Rios e Castelo de Paiva derrubada no 2001 con numerosas vítimas.
Aínda que popularmente falamos da vella ponte tudense como obra de Eiffel, ou dalgun dos seus discípulos, compre reivindicar ao seu único autor, Pelayo Mancebo, pois a él se debe a súa factura, a súa construcción en celosias de ferro, fronte ao modelo daquela en boga das pontes americanas, a disposición do tráfico ferroviario pola parte superior, etc. Como o propio autor afirma “la importancia de las fundiciones no daba lugar a duda; había que proyectar un puente metálico”. E como un dos principais expoñentes do patrimonio industrial de Galicia fica esta ponte metálica, integrada por cinco tramos de ferro que acadan unha luz de 330 m.
Sen dúbida que a influencia de Eiffel é ampla nesta obra. Eiffel comezara, en 1856, a súa laboura como enxeñeiro e en 1867 creara a súa propia sociedade, coa que gaña a concurso para a construcción da ponte de María Pía en Porto (1876-1877) ou a de Viana do Castelo (1878) e realiza numerosas obras en España e noutros paises. Pero Gustave Eiffel si participará no concurso celebrado, en maio de 1881, para a construcción da ponte tudense, aínda que a sua oferta non resultou gañadora fronte á presentada pola empresa belga “Braine le Comte”, representada en Portugal por Eugene Rolin.
A celebración deste aniversario ofrécenos a oportunidade de reivindicar o nome do autentico autor desta obra de enxeñeria, Pelayo Mancebo e Agreda (que por certo, foi deputado polo distrito rioxano de Arnedo en 1884 polo partido moderado), descoñecido para os tudenses e galegos, reparando um esquecemento, nun momento en que de novo o tren, neste caso de alta velocidade, suscita nas terras do Miño novas expectativas de progreso, que agardamos resulten mais venturosas para todos.

Rafael Sánchez Bargiela






O texto do artigo periodístico da correspondente tudense de "La Voz" pódese consultar no seguinte enlace: http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/10/11/0003_8029816.htm aínda que por mágoa na páxina web non figura unha excelente infografia que se pode consultar na edición impresa de "La Voz" de hoxe domingo 11 de outubro.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall