Ir al contenido principal

Leandro de Saralegui, un mariño e historiador tudense esquecido



Hai agora un ano ao ler o libro de Xavier Añoveros e Loli Martínez sobre os alcaldes de Tui no século XX chamara xa a miña atención un acordo da Xestora Municipal tudense de 1939, penso que nunca executado, de colocar unha praca na casa natal do “ilustre mariño Leandro de Saralegui, fillo desta cidade co gallo do centenario do seu nacemento”. Aquela referencia suscitou a miña curiosidade pois era un nome do que prácticamente non tiña escoitado falar, agás algunha referenca lonxana a obras de carácter histórico sobre as comarcas do norte de Galicia.
A miña sopresa é grande cando pescudando un pouco sobre este autor, atópome que tanto a Gran Enciclopedia Gallega como a “histórica” Enciclopedia Espasa dedicánlle case unha páxina á biografia deste personaxe. Mariño de profesión, no que chega a alcanzar importantes responsabilidades, tralo seu retiro instálase en Ferrol e comeza unha prolífica obra de investigación histórica sobre Galicia e a bisbarra de Ferrol, que aínda na actualidade segue vixente.
Vixencia que adquire unha maior oportunidade na historiografia galega actual, cando o debate sobre o celtismo volta ocupar unha primeira liña de traballo entre moitos historiadores, pois Saralegui na súa obra é un dos defensores da presenza céltica en Galicia nos tempos prehistóricos. Saralegui e Medina continua na senda que abrira Verea y Aguliar quen na súa “Historia de Galicia” (1832) introduce o celtismo na historiografia galega, liña continuada polo tudense Leopoldo Martínez Padín, que na súa “Historia política, descriptiva y religiosa de Galicia” (1849) profundiza na celticidade como base orixinaria dos galegos. Tras Benito Vicetto quen na súa “Historia de Galicia” (1865) afirma a “nacionalidade céltica”, pero en base a un argumentario mítico, serán Manuel Murguia (“Historia de Galicia”, de 1865) e, especialmente, Leandro de Saralegui e Medina, que na súa obra “Estudios sobre la época céltica en Galicia” (1867) profundicen, con rigor científico, herdado do positivismo, o seu estudo da esencia céltica de Galicia. A obra de Saralegui pois é actualmente obxecto de estudio e mesmo a que vimos de citar foi recentemente reeditada pola editorial Toxosoutos. Velaí unha das facetas importantes da traxectoria deste erudito galego.
O seu nome ficou esquecido para os tudenses e esta nota agora pretende ilustrarnos sobre este egrexio fillo de Tui hoxe inxustamente relegado na nosa cidade: Leandro de Saralegui y Medina, nado en Tui en 1839.

Biografia
Descoñezo as orixes familiares de Saralegui en Tui, aínda que tendo en conta que o seu irmán Manuel de Saralegui e Medina, tamén mariño e insigne literato e filólogo (chegou ser membro da Real Academia Española) naceu en Ferrol en 1851, posiblemente o seu pai fose un funcionario público da Armada que residiu en Tui algún tempo desenvolvendo os seus labores profesionais.
Nado en Tui o 30 de xuño de 1839 e morto en O Ferrol o 6 de outubro de 1910, eran seus pais: Leandro Saralegui e Josefa de Medina; os abos paternos, Manuel Saralegui, oficial 1º do corpo do Ministerio de Mariña, e Jacinta Fernández Núñez, ambos naturais do Ferrol; pola súa banda, os seus avos maternos son Juan de Medina, coronel de infanteria natural de Murcia, e Manuela Canals da vila de Ferrol.
Previo aos estudos preparatorios da carreira, comezou a servir no Corpo administrativo da Armada o 10 de febreiro de 1854. Obtivo o primeiro emprego de oficial o 3 de decembro do ano seguinte e o seu primeiro destino de embarque o 6 de xullo de 1858. Navegou polos mares da Península e polos de Francia, Italia e África septentrional, deixando de prestar servizo en buques o 1 de xuño de 1861, ao ser nomeado para fundar a Academia de Administración da Mariña en O Ferrol, co emprego de oficial segundo. Sucesivamente, seguindo a orde regular de ascensos do corpo, obtivo os empregos superiores, ata o de Intendente de Mariña que foille conferido por R. D. de 9 de novembro de 1892, en cuxo cargo e a solicitude propia e por atoparse próximo á idade regulamentaria cesou, pasando á situación de reserva do Estado Maior Xeneral da Armada por R. D. de 23 de xuño de 1907.
Desenvolveu, ás veces en circunstancias difíciles e azarosas, como as orixinadas polo período revolucionario no Ferrol e polos terremotos de Manila en 1880, cargos da importancia e a responsabilidade coma ordenador do Arsenal de Ferrol; director da Escola de Administración Naval, na que se fundiron, a proposta súa, as primitivas Academias departamentales; Interventor do Departamento de Cádiz e do Apostadero de Filipinas; intendente en O Ferrol e, por último, Intendente Xeneral da Mariña dende o 7 de xaneiro de 1903 ata o 21 de xuño de 1905, en que solicitou e obtivo o seu relevo por enfermo.
Tras o seu retiro pasou a residir en Ferrol, cidade, vencellada á súa familia, e da que foi o seu principal estudoso: ainda na actualidade é cita obrigada para calquera investigación histórica ou cultural sobre Ferrolterra. Naquela cidade desenvolveu unha intensa actividade de investigador, periodista e animador de numerosas iniciativas de interese público, ata o seu pasamento o 6 de outubro de 1910.
Saralegui e Medina era académico correspondente da Real Academia de Historia, dende o 5 de novembro de 1865, da Sociedad Económica de Amigos del País, de Cartagena, con igual carácter; da de Economía Matritense, como socio residente; da de Amigos del País, de Filipinas, como socio de mérito; da Sociedad Arqueológica de Pontevedra e académico de número da Real Academia Galega, sendo un dos seus fundadores.

Bibliografia
A súa producción escrita é moi ampla e comeza con traballos de temática profesional, vencellada ao seu labor como oficial da Armada Española, ámbito no que edita numerosos libros e artigos. Pero paralelamente desenvolve un amplo labor como erudito, de carácter autodidácta, combinando os seus estudos sobre literatura galega, ensaios sobre economía e política, traballos sobre o pasado prehistórico de Galicia e, especialmente, investigacións sobre a historia de Ferrol e a súa bisbarra.
Entre as súas publicacións, tanto artigos como libros, podemos salientar, entre outras, as seguintes: “Estudios sobre la época céltica en Galicia” (con tres edicións 1867, 1888 e 1894, e reeditado recentemente.....), “Tratado de Economia Política” (de 1870 e con numerosas edicións), “Galicia y sus poetas” (1886), “Estudios sobre Galicia” (1888), “La cuestión obrera en Galicia” (1893), “”San Martín de Jubia. Apuntes históricos” (1893), “Ardobrica. Estudio de Geografia Histórica” (1908), “Libunca. Estudio histórico” (1909), etc.
“Leando de Saralegui, sinala Fernando Pereira González nun estudo que dedica ao seu pensamento, compartía con Manuel Murguía o ideario do rexionalismo liberal, caracterizado polo seu desexo de descentralización do estado español e de autogoberno para Galicia, de democratización do estado e desenvolvemento capitalista. Era este un proxecto político ideado por unha minoría erudita e estaba destinado a unha clase social case inexistente, e moi desartellada, a burguesía galega”. Sarelegui, con todo, non participou en proxecto político galeguista algún, pois rexeitaba o separatismo e mesmo o interese por uniren Galicia e Portugal, pero as súas achegas, tamén no eido económico, foron moi estimadas por este movemento rexionalista. Era defensor do liberalismo económico e social, promovendo a iniciativa e o esforzo dos individuos como motor do Progreso. Leandro de Saralegui posuía un amplo coñecemento das teorías arqueolóxicas, antropolóxicas, históricas, lingüísticas ou socio-económicas da época en Europa contribuido amplamente a súa difusión en Galicia.
Sirvan estas escasas notas, pois a súa biografia precisaría moito máis espazo, para espallar o coñecemento deste egrexio intelectual tudense entre os nosos veciños e para apostar polo cumprimento daquel acordo corporativo de 1939 de colocar una praca na súa casa natal neste ano ao cumprirense 170 anos do seu natalicio en Tui.

Rafael Sánchez Bargiela

Publicado no libro das festa de San Telmo do ano 2009

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le