Ir al contenido principal

Abonda de pintadas


Dende hai unhas semanas viña preparando o texto desta nova entrada no blogue sobre problemática das pintadas que con crecente intensidade afecta ao noso conxunto patrimonial. E comezaba co seguinte párrafo:

Moitas cidades históricas teñen unha problemática similar á que estamos vivindo no conxunto monumental tudense por mor das innumerables pintadas que degradan os nosos monumentos. Agás a Catedral poucos espazos da zona vella tudense están libres de pintadas que afean e deterioran, non só na súa apariencia, o noso principal recurso, o noso patrimonio.

Por desgraza esta afirmación respecto da Catedral temos de rectificala, na noite do pasado domingo o seu pórtico gótico viuse tamén afectado por esta barbarie, como poden comprobar os lectores na seguinte fotografía.




Calquera que faga un pequeno percorrido pola zona vella tudense comprobará como innumerables lugares deste conxunto monumental creado polos nosos devanceiros como lugar de convivencia, de socialización, de vida colectiva experimenta unha crecente degradación pola aparición de innumerables pintadas. Cando estamos asistindo, con dificultades e incertezas, á rehabilitación de moitas vivendas que contribúen á recuperación deste casco histórico estas accións vandálicas das pintadas esmagan moito do esforzo realizado. As imaxes que acompañan a este “post” falan por si mesmas.







Ao comprobar esta lamentable situación todos pensamos na responsabilidade do Concello á hora da prevención destas accións, por medio dunha vixianza policial efectiva, ou da súa eliminación mediante o borrado destas pintadas. Un apunte sobre este último tema moi importante; non existe un tratamento “standar” para a eliminación de pintadas senón que segundo a tipoloxía constructiva do edificio, o seu estado de conservación e os elementos usados para realizar a pintada cómpre un tratamento ou outro. E son tratamentos altamente custosos. A eliminación das pintadas, en xeral, non é cousa de auga a presión pois esta medida nunha parede de pedra pode degradar moito máis este elemento que a propia pintada. Amáis, unha pregunta, por qué o Concello cos orzamentos públicos debe pagar por solucionar un problema provocado por individuos puntais, por auténticos “descerebrados” por usar unha expresión pouco agresiva.

Ambas solucións, a vixianza e a limpeza, son unicamente tratamentos paliativos dun mal, dunha enfermidade social, a falla de civismo por parte de certos cidadáns, e a pasividade con que a maioría de nos asistimos a estes actos de vandalismo. Moitas veces teño referido unha anécdota acontecida a un coñecido que por temas laborais tivo de instalar varios anos a súa residencia en Washington, na capital dos Estados Unidos, nunha casa con xardín, como as típicas dos filmes americanos. A cabo dun mes unha pequena comisión de veciños, que xa acudiran aos poucos días da súa chegada a darlle a benvida, petaban de novo na súa casa para comentarlle con todo respecto pero con claridade, que naquela comunidade era costume cortar o céspede do xardín quincenalmente para manter unha armonia estética. Evidentemente o meu coñecido, ao que non lle gostaba en absoluto á xardinería, cumpriu dende aquela rigorosamente o seu “compromiso”.

Tomemos desta anécdota (que pode ter moitas outras interpretacións) un dato: a conciencia colectiva de conservar axeitadamente un entorno público e común. Fronte ao noso “minifundio”, onde eu fago o que me peta no meu, as sociedades desenvolvidas e democráticas asumen compromisos colectivos como un xeito efectivo de construír unha comunidade.

En consecuencia, unha pintada no conxunto histórico a min me afecta, altera un espazo de referencia para todos os tudenses, degrada o noso sinal de identidade, dificulta a revitalización desta ámbito urbano... É moito mais que unha “gamberrada”, ou unha falcatruada de rapaces ou mozos. O que está berrando a pintada é que hai cidadáns, posiblemente escasos en anos, pero usufructuarios dos mesmos espazos públicos que o resto, que non saben convivir, e que con algunhas das súas expresións rachan coa convivencia. As mensaxes políticas, as mensaxes personais e as incoherencias son os temas principais das pintadas que enchen a nosa cidade.

É responsabilidade do Concello, dos colectivos politicos e sociais existentes en Tui, dos propios cidadáns tudenses de promover unha concienciación social que condene aos autores destas pintadas, que rexeite contundentemente estas actitudes, que denuncie aos seus autores, que a presión social dificulte estas actitudes. Unha ordenanza ao respecto con exemplarizantes e efectivas sancións económicas a abonar polos autores, ou, se fose o caso, os seus titores legais, pode ser unha valiosa ferramenta se hai vontade da súa aplicación.

É curioso o caso tudense pois na nosa zona vella existe unha problemática en relación ás pintadas pero non aos graffitis, tan amplamente estendidos noutros lugares. Os graffitis son un xeito de expresión de rebeldía, de arte, de creatividade que, ás veces, se confunden coas pintadas cando non é o mesmo e merecen un tratamento diferenciado, sempre e cando non afecten ao patrimonio.

Pero cómpre non esquecer outro plano deste problema que normalmente esquécese por todos. O noso conxunto histórico está declarado Ben de Interese Cultural e goza, consecuentemente, da máxima protección legal. Por tanto calquera pintada no ámbito do BIC é un dano contra o patrimonio histórico e por tanto tan a consideración de delito penal, non de falta administrativa a solventar cunha sanción económica. Estamos diante dun delito penal, que pode ser sancionado con penas de cárcere e non con meras multas de caracter administrativo. Estes delitos están castigados con penas de prisión de una tres anos e multas de 12 a 24 meses, amais da restauración do ben danado con cargo ao autor da infracción a marxe das responsabilidades civis que poideran existir.

En consecuencia, trátase dun delito perseguible de oficio que non precisa de denuncia previa, pero lamentablemente as fiscalías, alomenos en Galicia, non parecen moi preocupadas por estes temas, considerados ás veces, como menores. Pero a lexislación está para ser cumprida pois é a garantía da nosa convivencia democrática.

A impunidade que existe en relación con estes atentados contra o patrimonio histórico transmite a impresión de que estamos ante meras “gamberradas de rapaces” cando estamos falando de danos que teñen un efecto nefasto para a conservación do noso patrimonio histórico.

Este último atentado que súmase aos innumerables que podemos “contemplar” en rúas como Sanz, Azinega, Praza de Frómista, Ouro, Soidade, etc. Pero é, tamén, un síntoma doutra degradación máis profunda e lamentable. O que pintou o nome do grupo musical norteamericano de heavy metal “Slayer” no pórtico da Catedral supoño que será para amosar o seu aprecio por esta agrupación fundada polos guitarristas Kerry King e Jeff Hannemann e seguro que nun concerto destes músicos protestaría se alguen atentanse contra eles alterando o seu recital. Pola contra, agora ven de alterar, e gravemente, o recital permanente que tudenses e visitantes disfrutamos cada día ao contemplar esta alfaia da arte gótica que é a portada catedralicia.

Este “post” circulando pola rede pretende ser un berro para que cada quen dende as súas responsabilidades (autoridades e cidadáns) asuma a súa cuota de responsabilidade na conservación no noso conxunto patrimonial colaborando na erradicación deste cancro que son as “pintadas” nos nosos monumentos.

Rafael Sánchez Bargiela

Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall