Ir al contenido principal

Manuel Prieto Marcos, un poeta tudense en Argentina

As terras de Tui, como toda Galicia, padeceron na primeira metade do século XIX un alongado proceso de despoboación motivado polo fenómeno da emigración trasoceánica, especialmente con destino a paises como Argentina ou Brasil. Moitos tudenses emigraron a Buenos Aires na procura de novas expectativas de vida e desenvolvemento.

Xa en 1917 foi fundada polos emigrados tudenses a Casa de Tuy, con sede no Centro Galego de Buenos Aires e Baixo a Presidencia de José San Martín Fernández. No ano 1975 esta prestixios asociación fusionase co Centro Distrito de Salceda, creado en 1913, e coa Sociedad Caldelas de Tuy, fundada en 1922 coa presidencia de Ricardo Fernández, formando a Asociación Mutual, Cultural y Recreativa “Tuy Salceda”, que en 1987 incorpora á Asociación Galicia en Buenos Aires (que agrupaba as antigas Asociacións de Chantada y su partido, Centro Cultural y Recreativo Becerreá e Asociación de Carral). Unha agrupación que segue actualmente reunindo a moitos dos nosos emigrados naquelas terras.

Tras a Guerra Civil a capital arxentina acolle a numerosos exiliados que levan adiante unha intensa actividade política e cultura. Nesta intensa vida social inxirese a presenza do tudense Manuel Prieto Marcos, que salientou pola súa actividade artística, especialmente como compositor e director de varias agrupacións corais. Colaborador de diversos medios escritos, a figura de Prieto Marcos está vencellado ao su libro poético “Versos en gama de gaita”, publicado no ano 1943 pola Mocedades Galegas de Buenos Aires, cun debuxo do tamén galego Luis Seoane, e que será reeditado no ano 1970 pola editorial Nós.

Eduardo Blanco Amor comentando esta obra de Prieto Marcos afirma que a súa obra é “tan nacida de la tierra como los otros musgos, tan así transida de monte y valle, de monte que no es calvario, de valle que no es de lágrimas. Por eso cuando entre nosotros un poeta se pone a cantar ya todo está ordenado en perfecta sabiduria”.

A figura de Manuel Prieto Marcos é merecente dunha atención promenorizada, abonden por hoxe os textos que figuran nas primeiras páxinas da edición máis recente do libro “Versos en gama de gaita” para aunha sinxela achega a súa figura que posteriormente trataremos neste blog máis de vagar.

MANUEL PRIETO MARCOS

Nasceu en Tuy o 6 de xuño do ano 1905. Dende curta edade descobríuse nêle unha predisposición para a música, a que seu pai, un home de certa cultura, dabondo fóra do común, soubo alentar no esprito do neno; e aos doce anos ingresou na Academia Municipal de dita cidade, comezando xa de entrada a se destacar, pola rapidez conque bebía as leicións do solfexo.

Logo disto morreu seu pai, e pouco tempo despois morreu sua nia. Ao se atopar órfo entrou no Hospicio de Pontevedra, continuando alí os estudos côs educandos daquêle establecemento.

Aos 16 anos sentou praza no Reximento de Murcia, en Vigo; e ao ano seguinte pasou a ser solista de oboe, lucíndose como un magnifico execuntante. Cando tiña 20 anos ofrecéronlle o nomeamento de subdirector da Banda Municipal de Vilagarcía de Arousa, ocupando tal cárrego o treito de dous anos, ou sexa, até o día en que, por debezos de mellores hourizontes, decidíu emigrar.

Casado cunha muller garnida de virtudes chegáron á Arxentina no ano 1928, traguendo condigo unha filla pequecha, e sofrendo a dôr de perdela a pouco de teren pisado esta terra. Fôron morar a Concordia, provincia de Entre Rios, e dende alí deu a coñecer os primeiros traballos poéticos através do semanario “Correo de Galicia”, do que esra segredario de redación o esgrevio Ramón Suárez Picallo, quén ledamente surprendido pola boa calidade dos versos, remesoulle unha liñas con mentes de alentar ao seu autor, dicíndolle que nêle había un poeta dos que Galiza andaba á sua procura; polo tanto, sentía o pracer de lle facer chegar os sinceiros parabéns xunto cô amábel consello, de que seguise escrebendo poesía. E pouco a pouco, por meio do mesmo xornal e doutras publicacións, foise coñecendo toda a sua fermosa pordución poética, que agora compón este pequeno-grande libro, o que volta ao prelo, en segunda edición, como homaxe á figura do seu autor, ao se cumpriren 25 anos do seu pasamento.

Decorreu pouco máis dun ano e o matrimonio tornou a Buenos Aires, onde lles nacen e crian dous fillos. Achegándose á coletividade do seu país, axiña, ademáis do poeta, apareceu o músico, o compositor, o mestre e director de coros. Comezou dirixindo o coro da Nova Casa de Galicia, despois “Lembranzas d’Ultreya”, mais adiante “Saudades” e por último “Os Rumorosos”, sendo aqui onde máis puxo de manifesto a sua valía, xerarquizando o seu repertorio con cantigas de música e letra propias, e outras cantigas populares armonizadas tamén por êle, algunhas esceificadas con gôsto dun bon artista. Que non haxa quedado nada grabado desta sua derradeira actuación, supón unha perda moi dina de sentila. Era, pois, tan autorcrítico, tan eisixente consigo mesmo, que poucas veces se amostraba satisfeito do labor artístico que ofrecía; iso tamén supoñía por de relevo o graúdo senso de responsabilidade que latexaba na súa conciencia. A sua obra musical, sen ser moi volumosa, é outamente meritoria.

A cultura non vulgar que posuía valeulle para poder ocupar bôs postos, postos importantes, côs que podía levar unha vida sen estreitezas, unha vida ben levadeira; mais tivo que perdelos pola sua magoada saúde, oa trataren de se arredar do mal incurábel que aturaba. Tamen colaborou, en prosa, na revista porteña “Mundo Argentino”, publicando belidos contos na súas paxinas.

Amaba a Galiza con devoción entranabel, do xeito que só saben amala os verdadeiros bôs fillos, os que aniñan no corazón un lídimo sentimento patriótico galego. Viviía coa sua alma apegada á alma da Terra, e ao se achar tan lonxe dela físicamente, e vendo írese murchando a súa vida, outra dôr se lle engrazaba ás que facia tempo lle viñan marteirando o corpo e o esprito; xa que o seu “soño mais soñado”, como di no seu postumeiro poema “Dunha carta para a terra nai”, era repousar no chan onde nascera e se criara.

Cando a doenza o tivo vencido e inutilizado para poder satisfacer a arela de “gañar o seu codelo”, tal é a súa verba noutro dos seus derradeiros poemas, mais afondou o drama que constituíu a maior parte da sua vida na emigración.

O día 21 de xuño do ano 1945 fechou os ollos para sempre, xusto no mesmo mes en que cumpría corenta anos, deixando disposto que o seu cadavre fose levado ao crematorio; pois non quixo ser consumido por outra terra que non fôra a que lle deu o seu sêr.

O día 21 de abril do ano 1969 faleceu a sua benamada dona, a fidel compañeira Nandela, e o mesmo do que êle, deixou disposto que a levasen ao crematorio, e as suas cinzas fosen postas acaron do seu bon compañeiro.

E asín; os dous que na vida andáron sempre xuntos, que de cote estiveron xuntos, loitando e sofrendo xuntos, agora tamen na morte repousan xuntos côs seus restos baixo o céu de Buenos Aires, onde deixaron herdo de sangue, onde escentilou o poeta e o músico, onde colleitou os éisitos e acadou a sona que o manten vivo na lembranza.

DUAS VERBAS DO AUTOR

Estes meus versos “gáiticos”, ben estaban nas ribeiras do esquezo, ese río misericordioso, dimpois de consentida viravolta na folla sinxela e periódica ou na galana e circunstancial. Mais veleiquí que, de súpeto, mans amigas téndense a recollelos, i-os empadriñan e traen de novo ao papel. Breve arredamento. O destino dos meus versos é solagarse comigo no esquezo absoluto, seino moi ben, e se aínda onte puido esta certidume atristarme un pouco, que a suprema arela do home é durar, durar de algún xeito, hoxe non; pol-a contra. Será que xa apenas... Mais esto non importa eiquí. O que importa, impórtame a min, é deixar testemuño do recoñecimento a que me obrigan as “Mocedades Galegas de Bôs Aires” botando a voar con xenerosa intención este libriño, que vale, pol-o que outros puxeron, tanto como a mais fidalga manifestación de amizade que poida eu merescer. E de certo que moito me honra.

Pois son os mozos das “Mocedades Galegas” os padriños d’esta desaxeitada andaina de poemas, carreguen eles co-a emoción do autor:

Irmáns na patria e na esperanza: aí van eses versos, moxenas do meu esprito, momento da miña vida inútil. Prégovos que os ademitades, porque vai con eles a lentura d’un corazón agradecido.

E tí, leitor..., disimula.

Manoel Prieto Marcos.

LEDAIRA


Nos ollos auga de lúa,

nos beizos tremor de risos,

ai, Ledaira a de Leidaria

qué ledos de ti os camiños.

Qué ledos de ti, Ledaira,

Ledaira qué ledos imos

os dous coma dous romeiros

a mañán rube rubindo.

Van os bois e van as vacas

para os lameiros frolidos

de froles brancas, i-azúes,

e roxas coma os teus bicos.

(Nos lameiros

ceibarei do teu feitizo).

Ai, noite, cánto me tardas,

noite alumada de grilos!...

Ledaira, Ledaira leda,

Ledaira a dos peitos circios:

no teu corpo non ambrado

hei de resucitar ritmos

e cadencias ao meu xeito

para o poema d’un fillo.

(Nos lameiros e na noite

ceibarei do teu feitizo).


Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall