A acrópole tudense conserva vellas rúas, herdeiras do seu trazado medieval, que teñen acollido, sobre as súas lousas de granito, ao longo dos séculos, as xentes desta cidade miñota. Rúas, calellas, prazas e largos, igrexas e capelas, conventos, casas brasonadas xunto a humildes moradas co seu “pardiñeiro”, ateigan as costas e calzadas que conflúen no río, no Miño, espectador perenne que flúe paseniñamente á nosa beira e onde reflíctese con prestancia a amuralla Catedral que corona o recinto murado da ancestral Tude.
Pero este espazo non acolle unicamente mudos edificios senón que está poboado polas lembranzas de todos os que teñen morado entre estas pedras amadurecidas polos anos, por moitos ecos de tempos antergos, polas resonancias das palabras pronunciadas (de amor, de maldición, de mentira, de amistade, palabras vanas e palabras certas...) pero tamén estas pedras centenarias conservan o ruxe-ruxe daquelas outras palabras silenciadas, caladas e non faladas, daquelas verbas que remataron na boca sen traspasar os beizos e que transitan....
Camiñar polo enlousado das rúas tudenses, como de calquera cidade antiga, é achegarse non só a herdanza material dos seus monumentos, senón tentar de descobrir a presenza destes silenzos, omitidos, tantas veces “encalados” nas vellas paredes, nos cuartos e faiados, nos recunchos de cada casa.
Tamén estas palabras nunca pronunciadas, ou axexadas no intimo do fogar, ou no lene murmurio da amistade e da confianza, conforman a nosa cidade, enchen os seus ocos, moldean a nosa conciencia e identidade.
Marga do Val, poeta da Louriña que seguindo o curso do San Simón, ten confluído na nosa cidade, agasállanos cun fermoso e intenso poemario que ven de saír do prelo na colección de poesía da editorial “Espiral Maior”: “A cidade sen roupa ao sol”.
Xa en máis dunha ocasión temos apuntado nesta bitácora o sorprendente que resulta comprobar a escaseza de literatos que teñan recollido nas súas páxinas as súas vivencias tudenses, ou as pegadas que unha estadía na nosa cidade teña producido na sensibilidade dun creador. Esta vella cidade precisa de escritores, non para que enxalcen, ao xeito dun vello turiferario, as convencionais excelencias deste outeiro pétreo no que vivimos. Precisamos escritores que nos aprendan a ler novas páxinas da nosa personalidade, que fagan agromar párrafos ocultos, ou quizais, roubados da nosa existencia... pois a palabra escrita ten a capacidade de abrir novos espazos, novos mundos ao poñer en negro sobre branco o que os demais tantas veces sentimos pero non somos quen de expresar.
Este poemario de Marga do Val é unha viaxe interior á unha parte da alma tudense que tantas veces temos calado, como unha autodefensa colectiva:
Reparade na cidade
onde só a lúa é transparente
onde a néboa regresa casa noite
cargada de pólvora
e o ceo se cobre de berros
de silencios atados.
A poeta consegue que moitas destas palabras, que rebulen acouchadas entre as lastras, nunha noite de pedra ás veces alongada no tempo, abrollen, como antídoto para que fiquen silenciadas, ou cando menos cuestionadas, as “damas do anel”, cuxos rescoldos aínda pelexan por manterse acesos
Comprendes agora, oh poeta!
a plenitude da rosa da mentira
florecendo no poema?
mentras os nosos dedos
atrapan polo ar
palabras bolboretas
que renacen no papel.
Pero ao tempo este libro é unha viaxe interior, “educación sentimental” titúlase un dos capítulos do libro, que misturado con esta mirada ao espírito colectivo, tantas veces amouchado “polos ladróns de palabras”, fornécenos unha entrañable ollada da súa vivencia dun tempo e dunhas xentes desta cidade “sen roupa ao sol”, das súa propia memoria que percorre ao longo das páxinas do libro. Unha obra chea de sensibilidade e que nos fala tamén de amor, de cariño, de solidariedade, en definitiva dunhas vivencia contempladas dende os versos.
Lembro que cando era pequeno na horta familiar compría axudar tantas veces na tarefa doméstica de botar a roupa ao clareo, de estender as sabas, que viñan de ser lavadas no vello pilón con xabón “de taco”, sobre a herba verde e de cando en vez regalas, esparexendo auga, para que aquelas pezas de tea recuperasen parte da súa brancura perdida polo uso. Este libro pon a clareo moitas palabras, moitos recordos e vivencias, que espalladas polos recantos da vida, personal e colectiva, precisaban dunha poeta que as rescatase do silencio
Mentras outras palabras bonitas me abandonan
ciscadas pola princesa
desde a torre
percorren a cidade
baten coa raxada
e se as poetas
e se os poetas
as atopan
desexarán vivir
aínda que non sexas máis felices
Persoas moradoras da cidade
saúdan ao pairo
devólvenllas aos libros
en que len.
Congratulámonos por esta nova publicación de Marga do Val que certifica a sua sensibilidade poética, a súa habelencia coas palabras, ás que sabe coidar para que nos enriquezan, para que ao clareo, nos axuden a sustentar a nosa existencia colectiva, dotando de nova brancura a este tecido colectivo que conformamos coa nosa memoria. A ilustración da portada é obra do tudense J. B. Jaso.
Gracias Marga por este agasallo.
O vindeiro xoves 16 de decembro será a presentación deste poemario na nosa cidade, na Biblioteca Municipal ás 20,00 horas.
Comentarios
Publicar un comentario