Ir al contenido principal

Posibles pervivencias medievais na Semana Santa tudense

A nosa cidade conserva elementos tradicionais que testemuñan a nosa propia historia e as nosas raíces culturais. Unha destas tradicións son as celebración litúrxicas da Semana Santa. Nunha cidade onde o peso da Igrexa ten sido ao longo dos séculos un referente ineludible as diversas tradicións deste tempo litúrxico nos ofrecen referencias sobre a vida e a identidade tudense. A súa pervivenia, afortunadamente aínda alonxada dos referentes da Semana Santa doutras zonas da Península alleos as nosas prácticas tradicionais, son un referente singular que, máis aló dos discursos e crenzas de cada quen, cómpre preservar na súa esencia.

Xa no pasado ano nos ocupamos en Tudensia das tradicións tudenses e valencianas referentes á Semana Santa recuperando un texto do cronista oficial da cidade de Tui, Manuel Fernández-Valdés Costas e que os interesados poden consultar en: http://tudensia.blogspot.com/2009/03/tradicion-na-semana-santa-tudense.html

A Semana Santa tradicional está conformada por dous elementos: as escenificacións e as procesións, que comezan na Idade Media en toda Europa. Eran representacións de diferentes personaxes bíblicos, auténticos cadros viventes das diversas escenas da paixón de Cristo. Coa Contrarreforma, xurdida do Concilio de Trento no século XVI, as escenificacións realizadas por persoas deixan paso, pola presión eclesiástica e da Coroa, ás procesións con imaxes talladas que teñen o seu máximo esplendor no barroco. No século XVII o propio monarca Carlos II prohibe as chamadas “comedias de santos” no interior das igrexas para non alterar os oficios litúrxicos. Pero a forza destes costumes seculares pervive dentro dos novos esquemas, e así en moitos casos as representacións realizadas con figurantes deixan paso a escenas conformadas agora por imaxes ou grupos escultóricos testemuñando a su antigüidade. Este é o caso tudense.

A programación da Semana Santa na nosa cidade conserva aínda elementos relevantes destas antigas tradicións mesturadas con outras costumes de máis recente implantación. No fondo a representación da Horta das Oliveiras, que anualmente ocupa parte da Capela da Misericordia, o sermón do “Encontro”, coa presenza da figura articulada do Nazareno, e finalmente o sermón do “Desencravo”, cos seus elementos para-dramáticos, permiten albiscar a continuidade no tempo daquelas primixenias representacións teatrais agora reformuladas.

A primeira noticia que posuímos sobre unha procesión fóra dos templos en Tui, segundo recolle Iglesias Almeida, data de 1653. Un apunte no libro de contas da Confraría de Nosa Señora da Soidade de Tui, fundada había poucos anos en 1645, especifica os cartos empregados na procesión de Semana Santa para pagar a seis homes armados para acompañar ao Santo Cristo no desfile procesional do Venres Santo xunto a un “trompeta que fue tocando la bocina en la procesión” e máis dous tambores. Un cortexo procesional no que figuraba un Cristo xacente e a Virxe da Soidade, que aínda hoxe procesiona na mañanciña do sábado santo.

Na actualidade as procesións da Semana Santa tudense están organizadas pola Confraría do Dulce Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia, que é froito da unión de dúas anteriores irmandades. Así no ano 1542 na igrexa de Santa María da Oliveira creuse a Irmandade da Santa Casa da Misericordia, seguindo os modelos desenvolvidos amplamente en Portugal. Aos poucos anos tivo de mudarse á parte posterior da Catedral onde levantaron a súa capela, que segundo reza na portada renacentista que se conserva levantouse en 1571 por Melchor Alonso Feal. Ao abeiro desta irmandade naceu en 1647 a Congregación do Doce Nome de Xesús, que xa en 1691 encárgalle ao escultor tudense José Bugarín unha imaxe do Nazareno.

Aínda que carecemos dunha noticia exacta sobre o desfile procesional no decurso da que se realiza o Sermón do “Encontro” como pouco temos que datalo no século XIX e con imaxes das chamadas de vestir. Este Sermón no que conservase parte dunha representación para-teatral (coas caídas de Cristo gracias á imaxe articulada do Nazareno ou a chegada da Verónica que descobre o seu pano coa face de Xesús) é unha pervivencia multisecular nas celebración da Semana Santa tudense. Mesmo a presenza dos populares “romanos” é outro compoñente alusivo a ese caracter de representación destas celebracións. Incluso a serodia presenza nos desfiles procesionais tudenses de “encapuchados” avala esta reflexión.

A 1818 corresponde a data máis anterga que coñecemos sobre a “Hortas da Oliveiras” pois daquela o artista Juan Rial pinta uns chanzos para esta escena e, alomenos, dende aquela data segue presente anualmente nas celebracións da nosa Semana Santa tudense. Tamén esta escena da paixón de Cristo é un novo elemento que certifica a pervivencia de alongadas tradicións. Cabe lembrar, nesta mesma liña, como ata principios do século XX aínda figuraban na procesión do Santo Enterro diversos figurantes representando a variados personaxes do Antigo e do Novo Testamento que tiñan referencia aos misterios da paixón de Cristo.

Outro elemento senlleiro das tradicións desta Semana Santa tudense é o “Monumento” que a xeito de retabulo montábase anualmente na nave norte do cruceiro catedralicio, pero este elemento é xa plenamente barroco froito das disposicións canónicas da Contrarreforma. Este “Monumento” é obra do escultor Juan Luis Pereira de Santo Adrián de Cobres realizado no ano 1775, a súa parte superior é fixa e está situada sobre a porte norte da Catedral, a parte inferior era montada anualmente para a reserva eucarística do Xoves Santo. Na actualidade permanece montado todo o ano, aínda que o tramo final deste Monumento xa non se emprega polo seu estado de deterioro. É unha obra singular tanto pola súa iconografía e a súa monumentalidade, como polo feito de que na actualidade é a Catedral tudense a única española que conserva este “Monumento”, resultando pois un compoñente certamente orixinal da nosa Semana Santa.

Sirvan estas notas redactadas cando está a piques de saír a procesión do Santo Enterro no lusco fusco do Venres Santo para resaltar coma as tradicións da nosa Semana Santa testemuñan vellos costumes que non están referidos unicamente a un fenómeno relixioso e que na nosa cidade gracias ao labor da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia se teñen revitalizado, senón que forman parte do noso acervo patrimonial pois evidencian a dilatada historia da nosa cidade. Nas actuais celebracións albiscamos a pervivencia de tradicións medievais transformadas co paso do tempo e as reformas litúrxicas. Estes costumes procesionais e litúrxicos nos enriquecen a todos os tudenses, pois estamos diante de tradicións que podemos datar no século XVII aínda cando resulta evidente que recollen usos e costumes anteriores de grande significado cultural e espiritual.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall