Ir al contenido principal

Marga do Val acada o premio á mellor tradución por "Randea do alento" de Herta Müller



A escritora tudense Marga do Val logrou o pasado sábado premio á mellor tradución ao galego do ano 2010 pola súa tradución da novela “Randea do alento” da escritora romanesa Herta Müller, premio Nobel de literatura do ano 2009. Os premios AELG foron concedidos en Santiago de Compostela pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Este recoñecemento súmase ao recente Premio da Critica polo seu poemario “A cidade sen roupa ao sol”.

Dende Tudensia nos sumamos os parabéns á Marga do Val polo seu fecundo traballo literario e polo recoñecemento logrado que testemuña a calidade da súa escrita.

“Randea do alento” foi presentada na Biblioteca Municipal de Tui, nunha sesión do seu clube de lectura de adultos, o pasado 5 de outubro nun acto no que participaron xunto á tradutora, a escritora María Xosé Queizán e a doutora en filoloxía xermánica Montserrat Bascoy Lamelas.

Xa Dolores Vilavedra nunha crítica publicada nas páxinas de Galicia de El Pais anunciaba a cobizosa tradución de Marga do Val: Tamén co mal como algo inherente á condición humana nos enfronta Randea do alento, de Herta Müller, Premio Nobel de Literatura 2009 e que, como outras voces galardoadas pola Academia sueca, tamén fala en galego. Randea do alento é un libro estarrecedor, que nos mergulla nunha realidade da que pouco se ten falado: os campos de traballo soviéticos. Herta Müller traballa coas lembranzas alleas, espiña dorsal da súa identidade, para construír un texto que nos atrae e nos repele a un tempo, para convidarnos a descender a un inferno que ela eleva á categoría humana por medio dunha escrita ás veces libérrima e transgresora como a mellor poesía, e outras ferozmente precisa. Traer ao noso idioma este asombroso e persoalísimo exercicio estilístico é un reto do que a tradutora e (re)creadora Marga do Val sae moito máis que airosa: a versión galega é un modelo do que debería ser a tradución literaria e, dende xa, firme candidata a calquera premio de tradución.

Tamén Laura Caaveiro no suplemento Letras do Faro de Vigo sinalaba: Randea do alento, traducida do alemán a un vizoso galego por Marga do Val, quen nos di que cumpría ser leal a esta historia, a esta escrita, á lingua, ao poeta Oskar Pastior... e a ese título “Atemschaukel” que Müller escolleu por ser unha palabra do poeta dadaísta.. Da biografía da escritora nacida en Romanía, membro da minoría alemá, que dende os 80 vive en Berlín, hai moito nesta novela. Están os anos de traballos forzados da súa nai en Ucraína, no remate da Segunda Guerra Mundial.. Está a admiración de Müller por Oskar Pastior, tamén deportado a un campo de traballo aos dezasete anos. Será o alter ego do protagonista Leo Auberg, e como Auberg vivirá co medo de que se coñeza a súa homosexualidade nunha sociedade que a castigaba como delicto. Están a incomunicación, a fame e o frío, a vida nas condicións máis extremas. Con prosa intensamente poética mestúranse os sentimentos coas imaxes surrealistas que marcan o estilo de Herta Müller, coa metáfora do Anxo da Fame, coa paisaxe dos seres desposuídos que lle deu o recoñecemento a nivel mundial.

Finalmente unha palabras da propia tradutora no limiar desta novela que nos axudan a valorar o traballo desenvolvido nesta tradución: “No remate sempre fica a palabra, a única equipaxe. Todo o que teño, lévoo comigo, di Leo Auberg, o personaxe que nos fala na primeira frase desta magnifica novela. Mais el, como o poeta Oskar Pastior, só pusía palabras, palabras que lles permitiron (re)inventar a realidade que lles tocou vivir. A palabra é a materia coa que traballa a escrita, como a escritora Herta Müller, perturbadora, capaz de transmitir a contraditoria beleza ferinte. Cumpría ser leal a esta escrita. (...) Palabras que inventan un mundo diferente, demasiado terríbel e doloroso, contra o que só se pode loitar cunha ladaíña: Ben cho sei, ti vas volver. Unha frase que tamén a nós nos mantén na vida. Como ese pano de batista que acompañará a Leo Auberg, a Oskar Pastior e a Herta Müller o resto dos seus días. Cumpría ser leal a ese pano.

Ese pano que acompañou envurullado as mangas das chaquetas de tantas infancias ou o atado dos carros, que era mellor levar sempre antes de saír da casa, sempre podía facer falta. Un pano universal que nos une á obra de Herta Müller, á dor é a fame (ou diremos como por estas terras do Baixo Miño ‘fome’?) do mundo, ‘a extrema soidade do ser humano’. Ese pano que nos salva é a lingua, a mesma coa que Leo Auberg imaxina recendos de alimentos onde non os hai, as mulleres cociñan magnificas receitas sen alimentos coa arte de contar e nas páxinas lemos de cores, sabores e formas das que nada sabiamos. Cumpría ser leal a lingua (... pois) a escrita contribúe a agrandar a equipaxe das palabras

Moitas veces o labor de tradución non está recoñecido como é merecente, pois é un labrioso traballo literario no que compre combinar a fidelidade ao texto e estilo do autor garantindo unha calidade literaria na lingua na que vértese a obra. Testemuñas que fomos do esforzo realizado por Marga na tradución desta novela que achegou aos lectores galegos esta fermosa, ferinte e reflexiva obra de Herta Müller, queremos agora sumarnos ás felicitacións por este recoñecemento dos escritores en lingua galega. Ben cho sei, ti vas volver.

Para quen queira saber máis sobre a obra:

http://www.anosaterra.org/nova/randea-do-alento-obra-imponente-de-muumlller-.html

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le