Ir al contenido principal

A casa dos Maceira


Na pasada semana o Concello de Tui procedeu, tras a pertinente autorizacion xudicial, á limpeza dunha propiedade sita no barrio do Arrabal da nosa cidade. Trátase dun amplo edificio que foi a residencia dunha importante familia tudense do século XIX: os Maceira. Neste casa naceu o que logo chegou a bispo de Tui, Telmo Maceira Pazos, polo que esa rúa aínda hoxe leva o seu nome: Rúa do Bispo Maceira.
Na súa residencia esta familia deixou mostra da sua capacidade económica e social. Agora convertida nunha ruina rememorar estas páxinas da historia local outorgalle a esta propiedade un valor engadido que cómpre resaltar.
Como sempre a ampla sabiduria sobre a historia tudense de Manuel Fernández-Valdés nos informa amplamente sobre esta linaxe no seu libro “Familias antiguas de Tuy”, a quen seguimos, con algunhas correccións ou achegando novos datos ao respecto.
Destacaremos só duas das principais figuras desta familia tudense. En primeiro lugar Telmo Maceira Pazos, que amais de ocupar a cátedra episcopal será senador por Pontevedra en 1843 e senador vitalicio no ano 1850. Telmo Maceira nacera en Tui o 12 de febreiro de 1798, fillo dunha familia de fidalgos enriquecidos. Tras estudiar Humanidades cos franciscanos tudenses, Filosofia cos benedictinos de Poio e de novo en Tui dous anos de Teoloxía, incorporouse á Universidade de Santiago acadando o doutoramento en Teoloxia e o bacherelato en Dereito Canónico (titulos que tivo de revalidar en 1827 ao considerar Fernando VII que as titulacións obtidas no Trienio Constitucional carecían de valor).
Foi ordenando sacerdote en 1823 e nomeado párroco de Vide, sendo tamén Maxistral da Colexiata de Padrón. Pero axiña gañou, en 1828, a canonxia de Maxistral na Catedral tudense e nomeado logo Deán do Cabido en 1851. Foi tamén, en 1846, o primeiro director do Instituto de Segunda Enseñanza de Tui, creado naquel ano e que durou ata a fundación do Seminario diocesano en 1850.
Designado bispo de Coria non chegou a tomar posesión pois entre tanto foi nomeado bispo de Mondoñedo (1852) e finalmente bispo de Tui, en 1855, a pesar de certa oposición polo que significaba de fortalecemento do poder familiar. Foi senador, posuía  a Cruz de Carlos III e a condición de predicador da Súa Maxestade. Morreu en Tui o 9 de agosto de 1864. Do seu episcopado salientan as obras de reforma no Seminario ou no Pazo Episcopal, a construcción da Capela de Frinxo e salienta especialmente a doazón da súa ampla biblioteca persoal ao Seminario coa condición de que tivese a condición de pública e, finalmente, financiou do seu peto a construción, na rúa Sanz, dun edificio que logo cedería ao Concello para Escola (onde hoxe está a Casa da Xuventude).
No proceso electoral do ano 1853 aparece como deputado polo noso distrito o seu sobriño Manuel García Maceira, nado en Tui o 21 de decembro de 1816. Foi Colexial de Fonseca en Compostela, doctorándose en Teoloxía na Universidade de Salamanca, onde o seu irmá Lucas era Catedrático de Dereito. Manuel García Maceira acadou asemade as catédras de lingua hebrea nas Universidades de Salamanca e Madrid, foi correspondente da Real Academia da Historia en Tui, doándolle a aquela institución en 1860 diversas moedas antigas procedentes da nosa bisbarra. 
Tivo de retornar á nosa cidade para facerse cargo das industrias familiares, que dirixia o seu tio Juan García Maceira, especialmente a sociedade “Andrés Maceira Hermanos”, que abranguía numerosos negocios: cambio e bolsa, fábricas de aserrar madeira, de curtidos, de lencería, transporte de vapores polo río, obras públicas, etc. Mantivo unha grande amistade con Antonio Cánovas del Castillo, que en 1884 pernoctou no seu domicilio no Arrabal cando voltaba de tomar as augas en Mondariz, e co seu paisano Frei Rosendo Salvado. A familia Maceira tiña unha inmensa fortuna e controlaba o poder social e político na bisbarra, consolidándose o mesmo tras o nomeamento de Telmo Maceira como bispo tudense en 1855. 
Manuel García Maceira oi deputado polo distrito de Tui no 1853, retornando ao Congreso tras o Bienio Progresista en 1857 e 1858, pero neste útimo comicio enfrontase ao que fora ministro de Gracia e Xustiza, José María Fernández de la Hoz Gómez, natural de Madrid e sen relación con Tui. Foi derrotado por este politico “cuneiro” aínda que as eleccións foron anuladas polas mútiples irregularidades realizadas por ambos candidatos.
Diversos autores, como Manuel Fernández-Valdés, sinalan a outros membros desta familia como deputados: Juan Gregorio Maceira Pazos e o seu sobriño Lucas García Maceira, ainda que na documentación do Congreso dos Deputados non existe constancia da súa elección ás Cortes Españolas.
Con Rosendo Salvado proxectara realizar en Tui un Seminario ou Noviciado de misioneiros benedictinos para Australia, que foi finalmente establecido na abadía de Montserrat, aínda que xa Garcia Marceira tiña adquirido numerosas propiedades no barrio das Cháns en Randufe.
Asi pois a positiva intervención municipal deixa ao descoberto esta importante edificación que nos rescata do esquecemento estas páxinas da historia local protagonizadas pola familia Maceira que tiñan nesta casa o seu solar.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall