Ir al contenido principal

Historia da Eurocidade (I)


En febreiro de 2012 os municipios de Tui e Valença asinaron o protocolo de creación da eurocidade marcándose o obxectivo de afondar nun traballo conxunto en diversos ámbitos de actuación, que expresase tamén neste nivel institucional o que dende sempre é a vida normal de valencianos e tudenses que comparten un territorio, convivindo con intensidade, posúen unha mesma identidade na que caben as normais diferenzas da súa diversas adscricións institucionais.
Para afondar nesta vida compartida dende Tudensia achegamos, en varias entregas ou “posts”, unha breve historia desta eurocidade onde sinalaremos os principais acontecementos do seu devir temporal, aínda que dun xeito en exceso resumido o que implica, en moitos casos, unha simplificación dos acontecementos e unha renuncia explícita a unha análise polo miúdo.


Historia eurocidade Tui-Valença

O territorio enmarcado polo val do río Miño e os seus afluentes posúe unha axeitadas condicións para o desenvolvemento da vida humana e facilitará, ao longo dos tempos, a presenza dunha continuidade na ocupación deste territorio.

A tradición sinala que foi un heroi grego, Diomedes, que logo de participar nas guerras de Troia, realizou unha longa travesía que o levou ata estas terras onde fundo en homenaxe ao seu pai, o rei de Etolia, Tydeo, unha cidade, “Tyde”. A fundación grega de Tui é xa referida por algúns historiadores romanos e recuperada no século XVI e posteriores nun proceso, amplamente estendido en numerosos lugares da Península, de procurar nestas tradicións clásicas, mais próximas á lenda que a historia, un maior prestixio local. O certo é que testemuñas arqueolóxicas desta presenza grega non existen ata actualidade.

Os primeiros habitantes de Galicia se teñen documentado en lugares moi próximos a Tui, no xacemento das Gándaras de Budiño ( O Porriño), ou mais recentemente, nas estacións de O Cabrón (Arbo) e Porto Maior (As Neves), aproveitando as boas condicións naturais para o asentamento humano. Tamén encontramos restos materiais paleolíticos en Baldráns, Guillarei, Rebordáns, Ribadelouro, Pexegueiro, Areas ou Randufe que nos evidencian unha ocupación humana desta comarca  naquela época.

Andando los séculos o home se sedentariza e convertese en agricultor, no que se coñece como proceso de “Neolitización”, que en Galicia se asocia é cultura megalítica, caracterizada pola construción de enormes monumentos de pedra de carácter funerario. Estes monumentos figuran na toponimia con nomes como mámoas, medorras…  con exemplos como Anta, en Areas, onde apareceron no camiño do Viveiro forestal varios machados pulimentados. “As Inquirições de D. Afonso III” tamén aluden a edificacións do tipo dolménico en Valença. Testemuño desta época é o machado de Carrasqueira (Paramos) cunha cronoloxía de tres milenios antes de Cristo.

A aparición da metalurxia abre unha nova etapa no desenvolvemento da sociedade humana, especialmente importante é a Idade do Bronce (1900 a.C. ata o século VI a. C.) que acadou grande importancia en Galicia pola súa riqueza mineira. Na zona tudense hai importantes achados correspondentes a este momento histórico, destacando o casco de bronce (chamado “celta”) atopado no leito do Miño na zona de Caldelas así como diversas hachas da mesma época y lugar. Estes obxectos podemos contemplalos no Museo Diocesano. 


"Casco celta" de Caldelas - Museo Diocesano de Tui

Quizás a manifestación máis coñecida desta época son os chamados petroglifos ou gravados rupestres, insculturas realizadas ao aire libre. Son representacións de variadas formas, desde deseños xeométricos a antropomorfos que tamén encontramos no noso municipio, desde os de “Rozacús” en Randufe ou “Carneiras” en Baldráns e en diversos xacementos das freguesías de Valença.


Gravados rupestres ou petroglifos de "Rozacús" - Randufe (Tui)

Esta cultura dos metais ten unha última fase, a idade do ferro, que no Noroeste Peninsular se corresponde coa cultura castreña. Nas fontes clásicas Tui aparece citada como capital dos grovios, grupo xentilicio, que ocuparía o suroeste de Galicia. A este período histórico corresponden diversos xacementos arqueolóxicos tudenses: Cabeza de Francos, A Guía, monte Aloia, e incluso a acrópole tudense, evidenciando unha continuidade no hábitat nesta área da cidade desde épocas remotas.

Sen dúbida, que é Cabeza de Francos -coñecido tamén como Alto dos Cubos- o mellor estudado dos xacementos castreños. Situado nun espolón nas abas do monte Aloia, na parroquia de Pazos de Reis, este castro foi escavado en diversas oportunidades e recentes investigacións o sitúan como o principal referente deste territorio en época prerromana.


"Alto dos Cubos" ou "Cabeza de Francos" - Pazos de Reis (Tui)

O paso por esta zona do Cónsul romano Décimo Junio Bruto, no 137 a. C., que tras cruzar o río Limia –o famoso río Lethes ou do Esquecemento- conduciu ás súas tropas ata o río Miño acampando, segundo algúns, na freguesía de Gandra supón a incorporación deste territorio ao proceso de romanización.

As fontes clásicas apuntan a un posible “castellum” en Valença namentres que no caso tudense apreciamos dous núcleos de asentamento nesta época: o “Castellum Tyde” ubicado na cima do outeiro tudense, e no barrio de San Bartolomeu (chamado tamén na documentación como Santa Eufemia) atopamos numerosos restos arqueolóxicos, dúas necrópoles, un taller de vidro, etc. que formaban parte da “Mansio” (núcleo con pousada, substitución de animais de transporte, etc.) da Vía XIX, do Itinerario de Antonino.

Esta via XIX cruzaba o río Minho no noso territorio e conservamos, actualmente no interior da fortaleza de Valença, un miliario dedicado a Tiberio Claudio, marcando XLIII millas dende Bracara Augusta. Este miliario, usado como pelouro, foi traslado a este lugar dende a súa ubicación orixinal no lugar de “Airinhos” na ribeira do Miño, que algúns autores localizan fronte o antigo porto tudense de Lavacuncas, na actual zona da Mariña.



Miliario (usado como pelourinho) - Fortaleza de Valença

A medida que avanzamos na historia do Imperio romano o núcleo tudense vai configurándose como un importante centro militar, relixioso, administrativo e de comunicacións, como testemuñan as importantes evidencias arqueolóxicas atopadas.

Como comprobamos, dende os tempos máis remotos, a ocupación humana deste territorio patentiza unha complementariedade que terá continuidade no futuro.

Comentarios

  1. Me gusta. Sigue, sigue no te pares... tiene mucho que decir, como bien resumes, de la historia de nuestras dos ciudades hasta nuestrod días. Esperamos, pues otra entrada. Un saludo desde la estival Baiona.

    ResponderEliminar
  2. Muy bien resumido, espero el siguiente relato donde averiguaré si hubo hostilidades entre ambas ciudades ahora hermanas

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le