Ir al contenido principal

Historia da eurocidade (II)

 A partir da chegada dos suevos (século IV) Tui se configura como un dos principais enclaves do seu reino, asi xunto con Lugo será unha das capitais de Galicia no reinado de Rekiamundo. Testemuño da importancia tudense nesta época é a existencia dunha ceca, para a acuñación de moeda. Así co rei Rekiamundo (458-463) figura o nome desta ceca en varias moedas. Salienta unha siliqua do Emperador Anastasio acuñada en Tui, sendo a primeira deste tipo que aparece co nome dunha ceca hispana. Tui figura tamén en moedas dos monarcas godos; Recaredo, Witerico, Sisebuto, Recaredo II, Chindasvinto e Recesvinto.

Triente de Sisebuto (612-621) , acuñado en Tude

Tamén datable neste período é láuda ou tapa de sepulcro- chamada de Modesa-, e o anel visigótico achado nesta cidade e diversos restos materiais (lauda de estola, enterramentos e estruturas) achados nas escavacións arqueolóxicas realizadas en San Bartolomeu.

Lauda de "Modesa" no Museo de Pontevedra

Pero a principal contribución desta época é a extensión do cristianismo e a súa organización eclesiástica. Aínda que tamén con carácter lendario considérase a San Epitacio -discípulo de Santiago Apóstolo- como primeiro bispo de Tui, a sede tudense aparece por vez primeira documentada no ano 572 cando o bispo Anila asiste ao segundo concilio bracarense, xa anteriormente en 569, baixo o reinado de Teodomiro, realízase nun concilio a división parroquial de Galicia, é o famoso Parrochiale Suevum, que lle concede á diocese tudense 17 parroquias, unha das de maior número, abranguendo ambas ribeiras do Miño e testemuñando a existencia dunha previa organización eclesiástica de grande envergadura.. Na área valenciana, como na tudense, son moi frecuentes os topónimos de orixe xermánica, que proveñen desta época.

Pero sen dúbida, a noticia máis coñecida entre os tudenses desta época é a fixación nesta cidade da corte do rei Witiza, asociado ao trono polo seu pai, entre os anos 697 e 701, na parroquia de Pazos de Reis, onde construíu un palacio e outros edificios no lugar que aínda hoxe se chama Monterreal, cuxas ruínas perduraron até o século XVIII. Este feito apunta a que Tui desempeña tras a dominación visigoda un papel rector no ámbito do noroeste peninsular.

A primeira invasión árabe que afecta ao noso territorio data do ano 716: o Emir Abdelaziz entra na Lusitania cun numeroso exército, tomando Porto, Braga e Tui. Estas invasións non significaban a presenza permanente das tropas musulmás. A monarquia asturiana asume a tarefa “reconquistadora” e ocupa Tui no ano 739 co rei Alfonso I. Posteriormente Ordoño I “repoboa” Tui no ano 850 e en 915 Ordoño II restaura a sede episcopal.

Pero Galicia e Tui sufrirá a presenza dos normandos, que son un constante azoute das zonas costeiras e tamén de poboacións interiores como Tui. No ano 844 os viquingos arrasaron esta localidade, volveron a principios do século X, onde as súas desfeitas obrigan ao bispo tudense Naustio a refuxiarse no mosteiro de Labruxa. No ano 970 Gunderedo encabeza unha outra expedición e de novo o bispo debe refuxiarse noutro lugar, agora en Ribas de Sil. 

San Olaf, rei de Noruega

A máis afamada expedición normanda é do ano 1014 encabezada por Olaf Haraldsson que ademais de saquear e destruír Tui, chamado  Gunvaldsborg nas sagas viquingas, levou cativo ao bispo e o seu clero, reclamando altos rescates. A influencia da presenza normanda na nosa zona quedou presente a través das propias barcas de navegación do Miño cuxa técnica construtiva é indubidablemente nórdica.

Bote anguleiro do río Miño, de tradición viquinga

Pola súa banda, as incursións ou “razzias” das tropas musulmás afectan á nosa comarca como foi o caso da realizada por Almansor -Ao  Allah - nome de guerra do Emir Ben Abi Amir- que no ano de 997, no seu camiño para Santiago de Compostela, destruíu numerosos enclaves, incluído o Mosteiro de Ganfei e Tui.

Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le