Ir al contenido principal

Notas sobre o agrarismo tudense e os "Mártires de Sobredo"



O vindeiro domingo, 22 de novembro, terá lugar unha nova homenaxe aos "Mártires de Sobredo" diante do monumento de Camilo Nogueira na parroquia de Guillarei. Este aniversario é unha boa oportunidade para rememorar este importante episodio da nosa historia contemporánea.



Achegamos un interesante video sobre estes feitos e unhas reflexións históricas sobre o proceso antiforal en Tui.





O movemento agrarista en Galicia artéllase na última década do século XIX e nos primeiros anos do XX para eliminar os foros e modernizar o noso sector agrario mellorando as condicións de vida dos nosos labregos. No Baixo Miño comezaron axiña a formación de sociedades agrarias: a de Salceda, constituída en 1897, do Porriño en 1900 e de Guillarei en 1901, presidida polo canteiro Ramón Castiñeira, integrante das primeiras sociedades obreiras tudenses. Esta relación entre obreiros e labregos será unha constante no caso tudense dende este primeiros momentos, e así os canteiros Marcelino Tajes e Manuel Alfaya participan nas sociedades de Areas e Randufe respectivamente. Moitas das sociedades se denominarán de “obreiros agrícola” e non exclusivamente “de agricultores”. No ano 1904 xa estaba constituída a Unión General Agrícola, con residencia na parroquia de Areas, e que agrupaba ás sociedades tudenses e que busca a relación co movemento obreiro local. No ano anterior nas eleccións municipais entraran no Concello o avogado e redactor de “La Integridad” Emilio Sías, apoiado pola Sociedade de Obreiros Agrícolas de Pazos de Reis, e o tendeiro Manuel Chagüen, primeiro presidente da Sociedade de Obreiros Agrícolas de Randufe.

A forza deste novo movemento societario amósase no ano 1905 cando a unha pretensión de novos impostos municipais, as vendedoras agrícolas abandoan a cidade, os obreiros solidarízanse e mesmo por iniciativa da recen creada Cámara de Comercio os comercios pechan. O conflicto xurdido espontaneamente dura varias semanas, ata a retirada do acordo municipal. Aínda que neste episodio se dilucidábase tamén un enfrontamento entre dous grupos de poder local: o integrista, relacionado coa diocese e articulado arredor do xornal “La Integridad” e a Cámara de Comercio e os representantes/testaferros do deputado conservador, Ordoñez.

Un novo conflito agroma en 1909 pola aplicación do ordenanza municipal sobre o descanso dominical, cando en Tui se celebraba esa xornada un mercado tradicional, que tivo un seguimento masivo por agricultores e comerciantes que logran unha resolución do Tribunal Supremo en 1910 confirmando esta apertura nos domingos.

O  proceso antiforal que reclamaba a desaparición dos foros, non solicitaba na altura de 1910 a abolición dos mesmo senón a súa redención (ou sexa pagar por adquirir a propiedade plena da terra e non o uso que ata agora mantiñan de tempo inmemorial os campesiños e que obrigaba ao pago dunha renda), pero nin esa opción foi abordada polos lexisladores. Por outra banda, a vida política evidenciaba a incapacidade do sistema da Restauración, pivotado a través do sistema caciquil, para impulsar unha democratización, Así os grupos agrarios son empurrados a un achegamento aos grupos políticos da esquerda antidinástica.

No curso do IV Congreso Provincial Agrario de Ponteareas en 1919,  que  preside o avogado ponteareán Amado Garra, director do decenario agrarista “El Tea”, participan ata 116 organizacións pero os abolicionistas non puideron impoñer o seu criterio aínda que a forza dos acontecementos conduce irremisiblemente cara este criterio. E así a Unión Agraria Provincial, redencionista e ata agora maioritaria no agrarismo, perderá a súa primacía fronte a Federación Provincial Agraria, que impulsada polos socialistas, incorpora á maioría das entidades agrarias xa en 1920.

Sinala o historiador Henrique Hervés “Así pues, el movimiento abolicionista hizo complementarias dos realidades aparentemente contradictorias. En primer término distinguimos este entremado organizativo moderno que trata de orientar/manipular política y electoralmente a una parte significativa de la población campesina que organiza mitines, demostraciones, boicots generales y huelgas agrarias (bloqueo del suministro de productos agrícolas a ciudades y villas) y que cuenta con órganos de prensa propios [no caso tudense co xornal “Vida Agraria”]. Bajo esto, topamos con manifestaciones conflictuales tenidas como tradicionales, los llamados crímenes agrarios (derribo de emparrados y cercas, incendios de cultivos y arbolados, mutilaciones del ganado) y con la importancia de sanciones comunitarias basadas en la fuerza de los lazos comunitarios que nacen de la solidaridad entre los pagadores de cada foro y de la conservación de derechos colectivos sobre los montes, el agua de riego y la gestión de caminos y accesos (…) La considerable difusión geográfica y continuidad del “non pagar” no se puede explicar unicamente en función de las resistencias campesinas o de los lazos comunitarios, pero éstos si son el fundamento de su eficiencia ante las actuaciones judiciales.


Debuxo de Eduardo Padín sobre os oradores no Congreso Agrario de Tui


Unha negativa a pagar acordada no Congreso Rexional Agrario de Tui, celebrado do 28 ao 30 de xuño de 1922, no que se acordou tamén fundar a Confederación Rexional de Agricultores Galegos baixo a presidencia de Basilio Álvarez. O impago das rendas levaba aos propietarios da terra (do seu dominio directo) a presentar una demanda xudicial por este incumprimento; pero os labregos procuran todo tipo de artimañas para dificultar os procesos e a súa execución. Por tanto algúns propietarios deciden recorrer á autoridade gobernativa para forzar a execución das decisión xudiciais. Os gobernos conservadores dos primeiros anos vinte onde persoeiros galegos como Gabino Bugallal, deputado por Ponteareas, ou Mariano Ordoñez, deputado polo distrito tudense, con intereses rendistas, impulsaban a intervención da forza pública.

A tensión da loita antiforal, sinala Cabo Villaverde, provocaba infinitos incidentes e chegou a súa máxima expresión nos sucesos de Guillarei”. Fronte a radicalización agraria a resposta é a represión por parte das autoridades, nun momento en que estaban suspendidas as garantías constitucionais en España. A denuncia por supostas coaccións da Sociedade de Agricultores de Ribadelouro (fundada en 1904) a un estanqueiro local para que non despachase aos non socios provoca a detención da directiva agraria convocándose, de seguido, unha folga xeral a principios de novembro de 1922 primeiro en Tui e logo na provincia de Pontevedra, ao tempo aumentaban as detencións de agrarios e a clausura de sociedades e os incidentes nos mercados. O día 26 o Goberno Civil procede á clausura de nove sociedades agrarias tudenses, e once en Pontevedra, incluída a Federación Agraria Provincial. O anuncio dun embargo nunha propiedade do rendista tudense José Sarmiento Ozores en Sobredo – Guillarei coa intervención da forza pública acaba con tres campesiños mortos, varios feridos e unha alta crispación social.

No caso de Tui, como apunta Bieito Alonso, “unha análise detida dos acontecementos amosa unha actuación conxunta de obreiros e labregos, radicalizada na súa expresión pública, baixo a dirección dun comité de folga (…) en todo caso esta connivencia non era un fenómeno novo e para demostralo basta ollar a presencia dun líder respetado da Federación Obreira, Marcelino Tajes, como presidente da “Unión General Agraria” de Areas, nese mesmo ano, alén de moitos cadros relevantes do obreirismo participaren periodicamente nas reunión das sociedades agrarias.
Por tanto, para cando se definiu a folga agraria a primeiros de novembro o grao de sintonía entre o “Sindicato General de Trabajadores”, afiliado á CNT [sindicato anarquista de alongada tradición en Tui e principal protagonista do obreirismo tudense], e a Federación Municipal Agraria debía de ser moi elevado. Os obreiros de Tui permaneceron nunha folga de solidariedade, practicamente total, desde o 11 ao 26 de novembro e a súa participación na campaña axitativa, a través do Comité unitario de folga, resultou fundamental para a extensión do conflito a sectores básicos como eran, por exemplo, o transporte de mercadorías”.

Cándida Rodríguez, veciña da parroquia de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Besada, veciño de Soutelo do concello de Salceda de Caselas e Venancio González Romero, dirixente agrario de San Esteban de Budiño foron as tres persoas falecidas polo disparos da Garda Civil, xunto a outras sete que resultaron feridas de bala, cando a forza pública disolveu a balazos a concentración de máis de dúas mil persoas que acudiran, convocadas a golpe de badaladas e de foguetes, dende diversas parroquias de toda a bisbarra, en solidariedade cun veciño de Sobredo, a quen coa presenza do xuíz e a Garda Civil lle pretendían embargar os bens por negarse a pagar o foro ao rendista tudense José Sarmiento.




A conmoción por este sucesos alcanzou mesmo ao Parlamento en Madrid e removeu a conciencia e a vontade de moitos sectores sociais e políticos de Galicia. A presenza de novos gobernos liberais en 1922, con personalidades galegas comprometidas nesta materia como Manuel Portela Valladares, rebaixou o nivel de enfrontamento e os recursos á forza pública no conflicto. O golpe de Estado de Primo de Rivera, en 1923, coa súa mensaxe rexeneracionista suscitou o apoio, ás veces entusiasta, dos agrarios galegos, que son incorporados polo novo réxime como concelleiros en numerosos concellos . No caso tudense a elección de Benito Pérez Álvarez ou a presenza como concelleiro de Enrique Jaso testemuña este apoio dos sectores anticaciquís ao novo réxime de Primo de Rivera; colaboración que non se prolongaría no tempo.

O goberno de Primo de Rivera (onde participaba o tudense Calvo Sotelo que coñecía ben o tema e que tiña realizado numerosas intervencións públicas de carácter antiforal e anticaciquil) tenta resolver o conflicto foral e, ao tempo, desmontar o sistema da Restauración e promove acordos entre os labregos e os rendistas para acordar a redención dos foros. O primeiro destes acordos foi adoptado en Tui, xusto ao ano dos incidentes de Sobredo. Logo dunha negociación entre a Federación Agraria do Partido Xudicial de Tui, o máis activo e nutrido grupo abolicionista (36 sociedades e mais de 4000 socios) e a Sociedad de Foristas tudense coa mediación do delegado gobernativo Vicente Lafuenta. A formula excesivamente burocrática non chegou a funcionar axeitadamente pois o goberno non se liberaba por completo dunha mentalidade rendista, cuxos dereitos amparaba. A redención forzosa  aínda se retrasara ata o Decreto Ley de 1926, que suscitaba suspicacias entre os dirixentes agrarios, como foi o presidente da federación tudense Generoso Lagarejos ao obrigar ao endebedamento dos labregos para o pago das compensacións establecidas aos propietarios das rendas.

Con todo chégase a unha solución de compromiso entre foristas e pagadores, comezando de novo por Tui, pois segundo recolle Hervés no seu estudo non se normalizara o pago das rendas a pesares do acordo de 1923. “El acuerdo firmado en Tui en noviembre de 1926 establecía unos precios de capitalización –los llamados precios de Tui- que sería el modelo para los concertados con posterioridad (Tomiño, Salceda de Caselas, O Rosal, A Guarda, Ponteareas, Salvaterra de Miño) y reducía el número de anualidades atrasadas pagables a un máximo de dos años.  No obstante, nos encontramos ante un ‘mero convenio entre las partes, libremente concertado’ cuyo cumplimiento solo obligaba a los participantes, mientras que aquellos señoríos que no estamparon su firma , caso de los notables dominios de los Marquina en Tui y Salvaterra de Miño o de los Bárcena en Ponteareas, intentan agotar la agonía del foro hasta la II República (…) Asi el comandante Miguel Cuervo, casado con Josefa Pita Marquina, a comienzos de 1927 es denunciado por recurrir a su graduación para conseguir la ejecución de sentencias forales y proceder a los embargos con ayuda de la Guardia Civil”. Actitude censurada tanto polas sociedades agrarias como polo propio gobernador civil.

Con todo será en torno ao ano 1927 cando a maioría dos foros tudenses desaparezan pasando os labregos á conseguir á plena propiedade da súa terra, converténdose –moitas veces gracias aos cartos procedentes da emigración- de foreiro en pequeno propietario cultivador. Como síntoma, nese ano o que fora alcalde tudense e deputado provincial, aliñado de sempre cos Ordoñez, José Sarmiento Ozores –propietario da renda que dera lugar aos sucesos de Sobredo-, enaxenou todas as súas fincas e rendas no municipio tudense.

Mais información neste mesmo blog no seguinte post: "Os martires de Sobredo: froreceu unha rosa que agoira libertade" (www.tudensia.blogspot.com.es/2008/11/os-mrtires-de-sobredo-froreceu-unha.html).


Bibliografía:
Alonso Fernández, Bieito: “Obreirismo en Tui, 1900-1936” en Os Conquitadores modernos: movemento obreiro na Galicia de anteguerra. Vigo, 1992, pp. 67-82.
Cabo Villaverde, Manuel: O agrarismo. Vigo, 1998.
Hervés Sayar, Henrique: “A propósito del conflicto antiforal en la Galicia en el primer tercio del siglo XX. Asociacionismo agrario y resistencias campesinas” en Areas. Revista Internacional de Ciencias Sociales, Universidad de Murcia, nº 15 (1993).


Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

A fábrica de galletas "La Peninsular"

Temos sinalado neste blog en diversas oportunidades o descoñecemento que posuimos da historia contemporánea de Tui fronte a outros períodos históricos moito mais investigados que a nosa historia mais recente. Aspectos como a vida política tudense na primeira metade do século XX seguen esperando un achegamento como tamén os procesos e dinámicas socias desenvolvidos no noso territorio. Hoxe ofrecemos en Tudensia un post sobre a fábrica de galletas “La Penínsular” que abrangue case medio século da vida económica tudense. Achegamos a información ofrecida polo profesor de historia económica da Universidade de Santiago de Compostela, Angel Ignacio Fernández González, no seu blog “Galicia Agraria” nun documentado post sobre a industria de galletas en Galicia nos principios do século XX. Aportamos a rica e moi completa información que achega profesor Fernández algunha pequena referencia da nosa autoria colocadas como notas. http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2012/03/gall