Ir al contenido principal

O humanista tudense Álvaro de Cadaval

Escultura de A. de Cadaval na fachada da Facultade de Xeografía
e Historia da Universidade de Santiago de Compostela

O tudense Álvaro de Cadal segue sendo un gran descoñecido na súa cidade natal, aínda cando para autores como Ramón Otero Pedrayo constitúe o mais egrexio representante do Renacemento en Galicia.
Álvaro de Cadaval, nace en Tui, e así o afirma nalgunha oportunidade, cara o ano 1505. Na nosa cidade vivían os seus pais Juan de Cadaval Valladares, escudeiro e señor da Casa de Arcos, e María Alvarez Barbosa, señora da Casa de Matamá que residían na rúa da Zapatería (un tramo da actual Rúa Lourenzo Cuenca ou de Abaixo). Era o menor de cinco irmáns: Francisca, que casou con D. Antonio Pereira de Caldas e Castro, cortesán portugués que tiña a súa casa nobre en Arcos – Randufe (un dos fillos deste matrimonio será outro destacado escritor Francisco de Caldas Pereira e Castro), Isabel que foi monxa, Eitor ou Hector, que finou moi novo e Pedro que cos seus tres matrimonios logrou acadar a casa de Cadaval de Nigrán e o morgado de Matamá.

Está en discusión a condición fidalga deste Cadaval, pois de feito Álvaro de Cadaval solicitará posteriormente a Filipe II o recoñecemento deste privilexio. Con todo a posición familiar non sería modesta, pois os seus pais serán soterrados na capela de San Andrés na Catedral tudense. Isto explicaría que, sen ser eclesiástico, realizase estudios universitarios e acadase un excepcional coñecemento e dominio da lingua latina.

Cadaval Gravio Calydonio Tydense” é o nome co que asina as súas obras e no que fai referencia a súa terra natal: Gravio, polos grovios que tiñan a Tui por capital, Calydonio, pois Calydon era o reino de Tydeo fundador de Tui, e Tydense pola súa cidade.

Cadaval e a Universidade de Santiago de Compostela

Poucos investigadores teñen estudado a figura de Álvaro de Cadaval: foi, como case sempre, Florez o primeiro de apuntar o seu nome, continuado polo historiador tudense Francisco Avila y Lacueva. Na actualidade salientan os traballos de Julio Francisco Ogando Vázquez, Manuel C. Díaz y Díaz (un dos mellores traballos deste autor sobre Cadaval pódese consultar en  http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/viewFile/239/240), José García Oro ou máis recentemente X. M. Velez.  Desta escaseza derivan numerosas dúbidas na súa biografía.
Estudou, de seguro, en Salamanca, e acadou a condición Bachaler para exercer a docencia en Gramática. Parece confirmado que pasou pola cátedra capitular de Gramática en Ourense. O certo é que foi docente en Santiago de Compostela, un dos primeiros mestres de Gramática no novo Colexio de Santiago Alfeo, Xa no 1542 asina o seu primeiro contrato para “ler por todo un año entero tres liçiones (…) la una de Arte y las dos de Poesía o de Oratoria”, continuando ata antes de 1565 con diversos avatares, contratos e oposicións como “maestro de medianos”. Cómpre lembrar que estes postos non eran vitalicios, senón que a continuidade dependía da súa eficacia e da opinión dos persoeiros que rexían a Universidade. Tras unha estadía en Portugal retorna a Santiago en 1569; unha das súas últimas actuacións foi no outono de 1571, cando recibiu da Universidade o encargo de pronunciar a oración da festa de San Lucas. Un acto que foi a despedida da súa relación intensa, e ás veces, dificultosa coa Universidade galega.

A súa inscrición no claustro de Fonseca


No claustro do Colexio de Fonseca, sede histórica da Universidade de Compostela, existe unha longa inscrición conmemorativa da creación deste centro universitario polo arcebispo Compostela Alonso de Fonseca, labor que foi rematada polo arcediano Lope Sánchez de Ulloa. Unha inscrición que curiosamente aparece asinada polo seu autor: “Cadaval hec”. No texto deste gravado figura a frase que foi o lema do quinto centenario da universidade de Santiago: “Gallaecia fulget”, Galicia brila. Durante moitos anos esta era a única obra coñecida de Cadaval, na que deixaba patente o seu dominio das lingua e os seus recursos.

Carolo Caesare cum matre regnantibus Alfonsus Fonseca illustris antea Compostelanus demum vero Toletanus archipraesul ad decorem patriae et ut studiosi absque sumptu discere possent gimnasium hoc in avi materni aedibus extruere curavit. Morte vero praeventus Lupo Santio de Ulloa archidiacono rectori perficiendum ex b. testamento reliquit. Qui obiit pridie Nonas Februarii anno Domini millesimo quigentesimo trigesimo quarto, aetatis quidem suae sexagesimo.
Nunc magis atque magis Gallaecia fulget alumno
qui dedit hunc patriae tantum generosus honorem.
Sanctius ipse Lupus propia de stirpe creatus
ut Musis gratum faceret tenebrasque fugaret
omnibus hoc breviter complevit amabile munus
quo populus merito, proceres et concio tota
innumeras tanto grates pro lumine reddunt. [1544]
Cadaval hec

No reinado do Cesar Carlos (Carlos I) e a súa nai (Xoana a Louca) o ilustre Afonso Fonseca, antes arcebispo Compostela e finalmente toledán, para adorno da patria e para que os estudiosos pudieran aprender de balde coidou de construír este colexio no solar do seu abo materno. Pero impedido pola súa morte, deixou en testamento a Lope Sánchez de Ulloa, rector arcediano o encargo de acabalo. Finou o 26 de febreiro de 1534, con sesenta anos.
Agora máis e mais Galicia brila co seu alumno
Que deulle esta xenerosa honra a súa patria
Este Lope Sánchez da súa estirpe
Para facer un don grato ás Musas e por en fuxida ás tebras
Para todos cumpriu en breve tempo o amable encargo
Con que o pobo polo méritos, os próceres e toda a
Corporación dan innumeras grazas por tan grande luz. 1544
Esto é de Cadaval.

Cadaval e Portugal

Álvaro de Cadaval tivo unha intensa relación con Portugal. Foron moitas as súas estadías en terras lusitanas. Entre os anos 1565-1566 vive baixo o amparo do Cardeal Infante D. Henrique, e tenta ser aio e mestre do infante D Antonio, fillo do rei de Portugal. Neste tempo foi acusado de herexía pola Inquisición lisboeta pasando un breve tempo no cárcere. Consegue publicar os seus poemas e composicións co editor lisboeta Francisco Correa, tipógrafo do Cardeal. Continúa en Portugal e en 1568, con outro editor da capital lusa, Antonio González, saca do prelo novas obras. Neste ano vive con quen será un dos seus protectores, o bispo de Porto Don Rodrigo Pinheiro, á que xa coñecía de antes. Agora por mor dun grave accidente co seu cabalo, o bispo recíbeo na su finca de Santa Cruz, e Cadaval corresponde a súa xenerosidade dedicándolle a súa composición mitolóxica “Pythiographia”. Exerceu tamén a docencia, probablemente como preceptor en Ourense, Braga e Viana do Castelo.

Os seus últimos días

Logo da súa xubilación na Universidade de Compostela, caeu enfermo, cunha especie de demencia senil que o seu sobriño Caldas Pereira denomina “phrenessi”, ata a súa morte no barrio de Mazarelos de Compostela o 10 de marzo de 1575, deixando sinalado no seu testamento a súa intención de ser soterrado na Catedral de Tui, desexo que non lle foi cumprido por quen o asistiu nos últimos anos da súa vida e a quen nomeou o seu herdeiro, o cóengo compostelán Diego Suárez de Tangil. Morreu moi humildemente, como acredita o inventario dos bens deixados á súa morte: Catorze cucharas de palo y una escobilla vieja. Un pedaço de una red de pescar. Iten una espada. Unos çapatos de nino, xunto a máis de oitenta libros, entre os que había textos de Ovidio, Platón, Tito Livio, Homero e outros en latín e grego. Aínda que non casou tivo varios fillos con Lucía Pose de Castroverde; un deles, ao que recoñeceu, Juan de Cadaval e Soutomaior, foi capitán real en San Xoán de Caaveiro.

A súa obra
Pese a que a súa produción literaria, basicamente poética, é mais ampla fóronlle publicadas nove obras todas en Lisboa. As súas obras pois acadan unha importante, aínda que limitada, difusión sobre todo en territorio portugués. Álvaro de Cadaval cultivou a prosa e o verso en castelán e latín, demostrando ser un experto coñecedor desta ultima lingua.
As súas obras principais son:
  • De magno atque universalle cathaclismo, ou Ichthyotyrannis (1563-1565), poema en hexámetros sobre o Diluvio Universal, que mistura o relato do Xénesis coas Metamorphoseon de Ovidio (episodio de Deucalión).
  • Pythiographia, epyllion alongado sobre a metamorfose de Pitis en piñeiro, imitandola de Dafne nas Metamorphoseon de Ovidio.
  • Comentario al Arte de Elio Antonio de Nebrija.
  • Apotheosis (1565), miscelánea de prosa e verso
No ano1568 publicou en Lisboa un tomo en catro cadernos con diversos poemas dedicados a personalidades da súa época: “Triumphalis tumulus” na honra de Carlos V e dedicado a Filipe II; “Epitaphium” na honra de Dona María de Portugal, primeira esposa de Filipe II; unha “Carmen” na honra de Rodrigo Gómez de Silva; o “Ecomisaticom carmen” e “De platarno extempore carmen” dedicado ao arcebispo compostelán Gaspar de Zúñiga e Avellaneda; o “Monocolor encomiasticonque carmen”, para o poeta Pedro de Andrade, camareiro de Don Duarte; o “Distrophon carmen” ao poeta Diego del Arroyo Valcárcel e outras composicións dedicadas ao prior do Crato lisboeta.

Un dos seus proxectos de maior interese, para o que presentou un completo memorial ao Concello de Santiago e a Filipe II, foi a elaboración dun estudio titulado “Descripción e xeografía de Galicia”, inspirada no traballo do licenciado Molina. A súa intención era elaborar unha obra con información recollida de primeira man no decurso dunha viaxe que tiña proxectado emprender por toda a xeografía galega na compaña de ilustradores, especialistas en xilografía. O proxecto finalmente non foi aprobado.

A súa transcendencia

Álvaro de Cadaval estaba dotado dunha elevada capacidade intelectual, dun gran dominio da lingua latina, dunha elocuente oratoria… pero tamén por unha certa presunción, habitual entre tantos humanistas da súa época, asi nunha información por el promovida no ano 1569 pregunta ás testemuñas que aporta: “si saben y es verdad que el dicho maestro Álvaro de Cadaval es uno de los elegantes oradores y poetas latinos que hubo y hay en toda España, muy elocuente y resoluto en todas las historias y antiguallas que son menester para su facultad y profesión, y que escribe tan bien en prosa como en verso latino, lo cual se halla muy pocas veces y es cosa rara”.
Velaí algunha das características da personalidade e da produción literaria de Álvaro de Cadaval, que xunto á súa achega aos inicios da Universidade de Santiago de Compostela (lembrado nunha escultura situada na fronte da actual Facultade de Xeografía e Historia que foi antes sede central da universidade compostelá) salienta polas súas vinculacións coa cultura de Portugal, en correspondencia coa súa condición de tudense.


Estamos diante dunhas das personalidades de singular transcendencia no século XVI de Galicia que é merecente dun recoñecemento a súa fonda cultura humanista, e que inxire á nosa cidade e a Galicia nas correntes culturais do seu tempo.




Comentarios

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le