Ir al contenido principal

MC anos da restauración da sede episcopal por Ordoño II

Vimos de comezar o novo ano 2016 e ao abrir esta nova páxina temporal podemos ollar tamén como no pasado ano cumprironse 1100 anos da restauración da sede tudense polo monarca leonés Ordoño II no ano 915. Posiblemente o escaso coñecemento da historia altomedieval de Galicia e consecuentemente tamén do territorio tudense xunto ao desleixo con que os tudenses ollamos para o noso pasado histórico, entendido tantas veces como un acervo idealizado e non como unha potencial fonte de riqueza (cultural, social e mesmo económica).

Ordoño II nunha miniatura da Catedral de León

Nas diversas publicacións existentes sobre a historia de Tui este acontecemento é obxecto dunha somera cita ou directamente ignorado. Recuperar esta páxina do noso pasado, procurando contextualizar e revelar a dimensión deste acontecemento é unha forma non xa de coñecer o noso pasado histórico senón de dotar á  nosa cidade e as súas xentes de referentes e recursos para a recuperación do relato do noso patrimonio.



No alongado período histórico entre a Antigüidade tardía e a irrupción árabe, Tui, como polo administrativo, comercial e episcopal tanto no Baixo Imperio como na época sueva, se conforma como o epicentro do territorio da Gallaecia, constituíndo o punto de unión entre as terras septentrionais e meridionais do Noroeste peninsular. Unha posición que o curto período visigodo pretendía ampliar coa instalación de Vitiza, como herdeiro asociado ao trono, na nosa cidade que asi desprazaba a Braga como capital da Gallaecia.

A invasión musulmán do ano 711 prodúcese logo do acceso ao poder de Rodrigo que orixina un conflito civil contra os tres fillos de Vitiza e os seus partidarios, chegando as tropas árabes en apoio deste último sector. Tradicionalmente se mantiña que a chegada dos musulmáns significaba unha conquista do territorio peninsular, agás a zona cantábrica, pero as evidencias históricas obrigaron a recoñecer que a presenza dos invasores en Galicia resultaba esporádica e reducida. Sen embargo a historiografía recente prantexa novas hipóteses. Se os musulmáns veñen en auxilio dos vitizianos e antirrodriguistas resultaban innecesaria, nun primeiro momento, a súa intervención nesta provincia que controlaba este sector dos visigodos, que en connivencia cos invasores, manterían aquí o seu poderío.

Da información acreditada, que hoxe se acepta pola historiografía, so podemos afirmar que no sur da actual Galicia a presenza musulmán foi pouco duradeira. Tradicionalmente se adoitaba aceptar que “ademais das incursións militares da primeira época dirixidas por Tarik, Muza e Abdelaziz, tivo lugar, entre o Douro e o Miño, o asentamento de continxentes berberiscos. Pero permanecerán alí moi pouco anos, porque no 714 vémolos abandonando estas posicións norteñas para reclamar a súa instalación nas márxenes do Gualdalquivir”. Este xeneral Abdelaziz, antes mencionado, conquistou Lisboa, Coimbra, Porto e Braga, chegando ata Tui. Apunta Ávila y Lacueva que os tudenses buscaron refuxio nos cumes do Aloia. Os árabes se apoderaron da cidade “causando en ella y su país grandes estragos y ruinas con que lo redujeron todo a un estado de suma miseria”. Como comprobamos moitas conxecturas e escasas realidades contrastadas.

Con todo, esta fuxida e ruptura parece afectar mais aos cumes do poder que reflectir unha despoboación real da nosa bisbarra. Cómpre lembrar que o sistema viario herdado de época romana segue completamente operativo e que Tui segue sendo lugar de paso obrigado neste itinerario; amais pese á desorganización, que as escasas fontes documentais existentes traducen, se manteñen minimamente as estruturas organizativas; así P. David documentou como os límites diocesanos de Tui mantéñense perante séculos a pesares da ocupación musulmán. Abofé que algún magnate local seguiría, en base ao seu poder territorial ou a súa forza militar, detentando un feble poder sobre a cidade, moi afectada pola breve ocupación árabe, e a súa comarca.

 A presenza dos invasores musulmáns e do conseguinte clima bélico provoca a fuxida da poboación, cos conseguintes danos sobre o tecido produtivo, o abandono dos cultivos, etc pero sobre todo, provoca a desintegración das estruturas de goberno. O bispo, un dos referentes da organización de poder, -que algunhas tradicións sinalan era San Adelfio (que aparece como asinante no XV Concilio de Toledo no ano 688 e no seguinte concilio no ano 693)- fuxe cara a Iri –a única que permanece “allea” a estes acontecementos- onde é acollido polo seu bispo que lle concede unha dotación territorial para o seu sustento. En concreto, se trata dos territorios de “Nemitos, Faro, Brecantinos e Somnaria” que se atopan situados na zona norte da diocese. Todos estes acontecementos agravan o baleiro de poder na cidade e en todo o territorio circundante, pois era a estrutura eclesiástica quen unificaba estas entidades territoriais e administrativas dun xeito máis efectivo. Consecuentemente o probábel é que ao longo de máis dun século o territorio do Miño ficase como unha terra de ninguén que non significa o mesmo que non houbese ninguén nesta terra. Foi un territorio que ficou sen un dominio político claro nin por parte do nacente reino austur nin do lonxano estado toledano ou cordobés, sometido aos poderosos locais, herdeiros da sociedade hispano-goda.




Afonso I de Asturias por Juan Procel (1765) 
Acceso ao Palacio Real de Madrid
De aí o interese da expedición, que citan algunhas crónicas, de Afonso I, no ano 739, a “primeira reconquista” de Tui, que non tivo outro obxectivo que a defensa do seu reino, garantindo a inexistencia de enclaves musulmáns de carácter fixo neste territorio fronteirizo. A crónica Rotense sinala que recupera as cidades de Lugo, Tui, Porto, Braga, etc  Pero o que vimos afirmando significa tamén que Tui e a súa bisbarra non estivo despoboada en momento algún e que non tivo necesidade de reconquista senón, como veremos de seguido, de integración efectiva na nova realidade política do reino astur namentras que o poder local estaría en manos de poderosos territoriais.

Haberá que agardar case un século para que con Ordoño I (850-866) a monarquía astur estea en condicións de integrar este territorio tudense na organización do reino, mesmo os diplomas apuntan a que o monarca tiña reforzado as súas defensas amuralladas. Esta tarefa “repoboadora” é encomendada a persoas da confianza do rei que reciben amplos poderes para distribuír terras, organizar os poderes locais... estes persoeiros reciben o nome de “comes” lembrando as vellas institucións godas; no caso tudense levaran adiante este labor dous aristócratas do mais alto rango: Ermenexildo Gutiérrez (a súa filla Elvira casa con Ordoño II) pero especialmente Afonso Betote. Cómpre lembrar que neste momento a aristocracia galega ocupaba o vértide do poder social e político do reino astur-leonés. E como testemuño da importancia do territorio tudense a súa “repoboación” é levada adiante por os dous magnates máis poderosos da época.

Asi pois a “repoboación” de Tui será o fito máis importante desta xeira que promove Ordoño I. Ermenexildo Gutiérrez e Alfonso Betote  levan adiante a recuperación do vello territorio tudense, asi está documentado como Alfonso Betote se apropia, entre outras, da vella poboación de “Borbene”. Tamén ambos nobres aproveitarán a estratéxica situación de Tui para iniciar a ocupación do territorio ao sur do Miño (o actual Minho portugués), labor que continuarán os seus fillos, antecesores do posteriores monarcas portugueses.

Paga a pena lembrar a personalidade deste aristócratas, que tan importante papel desenvolven na historia tudense. Ermenexildo Gutiérrez, casado con Ermesinda Gatóñez (filla do conde Gatón repoboador de Astorga e “comes” do Bierzo) proven da zona meridional da actual provincia de Lugo e aparece citado na documentación como “comes” ou conde de Tui, Coimbra e Caldelas (territorio da zona meridional ourensá) asi como doutras xurisdiccións de Galicia; está emparentado coa familia real pois a súa filla Elvira casará con Ordoño II, e él mesmo aparece citado na documentación como maiordomo real no no ano 883. En torno ao 895 aporta as súas tropas para acabar coa rebelión do conde Witiza e recibas as posesións do derrotado. Anteriormente, no ano 878 conquista e repoboa as terras de Coimbra. Os seus descendentes formarán un dos grupos aristocráticos máis poderosos da Galicia do século X, por exemplo o seu fillo Guiter Menéndez é o pai de San Rosendo, namentres que outros dos seus fillos acadarán o condado portucalense.

Pola súa banda, Alfonso Betote tamén tomará parte nestas tarefas figurando como conde do territorio do Deza e logo tamén de Tui. Actúa como representante dos intereses do bispo de León, aspecto que coñecemos por un diploma do ano 878 do bispo Mauro, que lle encomenda as igrexas que lle foran concedidas por Alfonso III entre os ríos Eo e Masma, no norte de Galicia, así como os posibles dereitos desta sede leonesa no bispado de Tui e en toda Galicia: “sive etiam et fe omn(ia)… a plebe ubicumque inveneris sancte Maie Tudensis sedis”. Posiblemente estamos diante dun intento de integración da diocese tudense, e outros territorios galegos, na sede de León, pero que non debeu perdurar no tempos pois carecemos doutra noticia algunha ao respecto. Os descendentes de Alfonso Betote estarán tamén intimamente ligados ao goberno do condado de Porto, en concreto o seu neto Menendo González, e foron repoboadores doutras zonas do norte do actual Portugal.

Tumba de Ordoño II na Catedral de León


Esta vaga repoboadora garantiu unha estabilidade, consolidada no reinado de Afonso III, que levou ao seu fillo e sucesor o rei Ordoño II (914-924), que acorda, tras o reforzo da cidade a as súas defensas, o restablecemento da sede episcopal, no 915, instalándose na cátedra Hermoxio. Da estadía dos bispos tudenses nas terras de Iria temos escasas referencias nominais. Diego (en torno a 890-901) que figura como participante na consagración da nova basílica compostelá de Afonso III no ano 899 aínda que sen asinar o diploma. En torno ao 912-914 aparece citado o bispo Branderico.

Hermoxio ocupara anteriormente a sede de Porto é, segundo Ávila y Lacueva, sobriño do bispo de Coimbra Naustio.  Un sobriño seu, Vimara, tamén ocupara a sede tudense en torno ao ano 949. Todos eles formaban parte da aristocracia galaica e a súa familia posuía importantes propiedades e ocupaba altas dignidades.

A primeira referencia documental que posuimos de Hermoxio como bispo de Tui é a súa intervención da doazón que o rei Ordoño II e a súa esposa Elvira fan á sede de Lugo do mosteiro de San Cristobo de Labruxe, nas terras de Arcos de Valdevez, que fora fundado por Hermoxio nunha heradede rexia. Este bispo, como membro da alta nobreza, acompaña ao monarca na batalla de Valdejunqueras (Navarra) onde é capturado polos musulmáns que o levan prisioneiro a Córdoba.

Aos poucos meses sae da cadea a cambio do pago dun rescate e deixa a seu sobriño, o mozo Paio, como refén, retornando a Galicia para conseguir a forte suma económica á que se tiña comprometido.Na Idade Media os prisioneiros eran, ante todo, unha oportunidade de negociar un rescate económico e, ás veces, tamén político. Paio permanece ata tres años en prisión esperando que se completen as negociacións do seu rescate, sendo finalmente martirizado no ano 925 espallando posteriormente o seu culto polo reino leonés. Hermoxio acabara os seus días no mosteiro de Labruxe.

A recuperación da sede episcopal na cidade do Miño é un paso máis no proceso de normalización e revitalización da vida política, social e económica deste territorio ao abeiro da consolidación da monarquia leonesa que inaugura Ordoño II. Este monarca que establece a corte na cidade de León, fora anteriormente “rei” de Galicia e salientou polo seu apoio á basilicia compostelá, a onde peregrinou, e á que dotou amplamente. Cabe lembrar que estaba casado con Elvira, filla do “comes” tudense Ermenexildo Menéndez. Asentados os representantes do monarca no territorio miñoto agora se garante a presenza eclesiástica no proceso de revitalización de Tui. Esta duplicidade de poder civil e eclesiástico perdorou no tempo pois cando a conquista de Tui polos viquingos de Olaf, en torno ao 1008, continuaba a existir un conde e un bispo como principais autoridades na cidade.

Sen embargo esta vida é efémera, pois novos ataques musulmáns unidos ás continuas incursións dos viquingos, levan a un novo esmorecemento da cidade, tendo que retirarse os bispos en varios períodos ao mosteiro de Ribas de Sil  (Vimara en torno ao 940/950, ou Viliulfo nas últimas décadas do século X). Pero o agravamento das incursións normandas provocan que de novo Tui perda a súa condición episcopal sendo agregada á de Compostela por Alfonso V no ano 1024.

Escasamente un século perdurou a sede tudense pero a restauración do ano 915 evidenciou o intento da monarquia de revitalizar a cidade tudense como lugar estratéxico no proceso de consolidación do reino, como unha das cidades referenciais do mesmo.

Conservamos na actualidade unha tradición que explica as armas heráldicas da nosa cidade, conformadas por tres estrelas e unha media lúa, como símbolos esta última da ocupación árabe e as estrelas como lembranza das vagas “reconquistadoras” de Afonso I, Ordoño I e Fernando II que no ano 1170 abre unha nova etapa para a cidade. Tamén neste caso a acción revitalizadora de Tui promovida por Ordoño II fica no esquecemento.

Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O antigo Hospital e Inclusa (actual Edificio "Francisco Sánchez") cumpre hoxe cen anos

Neste ano 2023 a cidade de Tui vive diversos aniversarios de interese, especialmente o referente ao cuarto centenario do falecemento do egrexio médico e filósofo tudense, Francisco Sánchez, sobre o que nos ocuparemos en datas próximas. https://www.facebook.com/fotosantiguastuy/photos Centrará hoxe a nosa atención outra significativa efeméride, o centenario da inauguración do Hospital e Inclusa de Tui celebrado o 1 de maio de 1923, hai hoxe cen anos, que culminaba un longo proceso de construción deste edificio. Na actualidade este antigo hospital é o Edificio “Francisco Sánchez” coñecido popularmente como Área Panorámica de Tui. É pois unha feliz oportunidade para realizar unha aproximación a historia deste edificio emblemático da nosa cidade. Un edificio creado para acoller as instalación do hospital e da casa de expósitos, ou inclusa. A historiografía ten abordado nas últimas décadas aspectos da historia social pouco atendidos tradicionalmente. O tema da marxinación social é un de

Unha nova entelequia: un Camiño Portugués de Nossa Senhora do Norte por Tomiño e Gondomar

Vivimos nun mundo mediático onde cada vez temos acceso a un maior abano de información de todo tipo, o que en principio resulta altamente positivo e enriquecedor pero paralelamente existe o evidente risco de carecer de elementos de discernimento e valorización para recoñecer o rigor e a falsidade, a veracidade e os falseamentos. Ven a conto esta obviedade para abordar unha breve reflexión sobre a noticia que en días pasados publicaron os medios de comunicación con este titular: Tras un año de investigación, la alcaldesa de Tomiño, Sandra González; el presidente de la Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, junto al alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, y la concejala de turismo de Redondela, María Castro; y el arquitecto e investigador Antonio Soliño, presentaron el «Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago», una variante del Camino de Santiago que pasa por el territorio que recogen ya los archivos históricos. No texto da noticia se afirma o seguinte: La invest

Un poema en galego de D. Basilio do ano 1957

A figura de D. Basilio, cóengo maxistral na catedral tudense e profesor durante varias décadas no Instituto San Paio, continua a ser lembrada por moitos tudenses pola súa erudición, especialmente no que atinxía á historia da nosa cidade como pola súa singular personalidade. Neste blog conmemoramos hai algúns anos o centenario do seu nacemento, o 14 de abril de 1911, ( https://tudensia.blogspot.com/2011/04/hoxe-centenario-do-nacemento-de-don.html ) reproducindo un breve artigo publicado no libro das festas de San Telmo dese mesmo ano  2011. Sinalabamos daquela que era unha persoa sumamente austera, todos o lembramos coa “teja” cubrindo a súa cabeza, a súa faciana morena, sempre vestindo unha raída sotana, fumando os “bisonte” sen boquilla que ofrecía a cantos a él se achegaban, a súa conversa sempre mesturada con referencias teolóxicas. Case todas as tardes, primeiro pedaleando na súa bicicleta, e anos máis tarde sobre a súa vella mobilette (algún día tivo de ser nova pero a miña le